Quintas acusa a Baltar de xestiona-la Deputación de xeito “clientelar, dilapidador e dañino para os ourensáns”

A deputada socialista no Parlamento galego e Secretaria de Organización da Executiva Provincial, María Quintas, fixo dita declaración na comparecencia do presidente da Deputación na Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia, onde advertiu que o gasto en persoal da institución provincial supón un 42,5 por cento do orzamento dese ente.

Quintas sostivo que Feijóo é “colaborador necesario por acción e omisión” das prácticas de Baltar, xa que “leva abrazado ao caciquismo e ás irregularidades” dende o principio. Denunciou que “o PP utilizou aos ourensáns para os seus fins particulares”, mentres Ourense renuncia de xeito inequívoco ao futuro, con 30 407 desempregados en 2012, un 8 por cento máis que no 2011, e con 13 000 persoas sen ningunha prestación económica.

A compañeira explicou que cada ourensán terá que pagar 92 euros para financia-los salarios dos “enchufados” por Baltar na Deputación, un gasto en persoal que nas outras tres provincias galegas é de 49 euros. Criticou que o actual presidente da Deputación teña utilizado os orzamentos para financiar un “entramado caciquil presuntamente corrupto” en lugar de para mellora-la situación económica da provincia, e o feito de que, nin Baltar nin os seus vicepresidente manteñan os seus salarios intactos, mentres o 80 por cento dos orzamentos da institución provincial para este 2013 é destinado a gasto improdutivo, co que resta tan só un 15 por cento para investimentos na provincia.

A nosa Sª de Organización tamén denunciou que dende o PP teñan feito da Deputación “un instrumento inservíbel”, mentres “por decreto, malgastan o diñeiro dos ourensáns para favorecer intereses persoais e electorais”, e utilicen “as vidas dos traballadores como coartada para dar solución ao despilfarro fachendoso da familia”, enganando ao anunciar que a Deputación sexa a primeira en aplicar un ERE, cando está a crear novas prazas, como a dun “asesor técnico da presidencia, cun custe de 80 000 euros ao ano”.

Quintas criticou a “frivolidade desmedida” de Baltar ao anunciar axustes de persoal, cando mantén a 76 persoas cun custe de entre 50 000 e 60 000 euros ao ano, ou cando no Inorde, cun orzamento dun millón de euros, 893 000 están destinados a persoal, e 3000 a investimento. Explicou que o presidente e o xerente deste último organismo custan 150 000 euros cada ano.

A compañeira advertiu que a Deputación de Ourense, con Baltar á cabeza, “bate récords negativos”, como o de ter unha débeda que rolda o cen por cen, o de ser unha das deputacións de España con mais empregados por habitante, a que ten mais traballadores eventuais, e a que conta con mais empregados con cargos no PP ou familiares destes, xa que tan só 13 dos 700 empregados non teñen relación directa con este partido.

A deputada tamén denunciou que o presidente da Deputación “impide a transparencia e a legalidade nunha institución pública que é de todos, agochándose detrás dos votos maioritarios do Grupo Popular herdado do seu pai, ao pecha-las portas á creación dunha comisión que investigue as contratacións” da institución; e lembrou que o rexeitamento a esta comisión foi irregular, por apoiarse nos votos de deputados con interese persoal, xa que “só un dos quince membros do grupo de goberno da Deputación de Ourense cumpría o requisito”.

A Sª Provincial de Organización comezou esta intervención no Parlamento enviando un saúdo ao alcalde saínte de Vilamartín, que tivoque enfrontarse a unha moción de censura auspiciada por Baltar, utilizando “artimañas” para “quebra-la vontade popular”.

 

Tags: , , , , ,