Seara solicítalle a Pastor unha reunión para que Fomento se comprometa coas infraestruturas pendentes na nosa provincia

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, enviou unha carta á Ministra de Fomento na que solicita unha reunión con Ana Pastor, para aborda-lo escenario de paralización no que se atopan as infraestruturas na nosa provincia, e co fin de obte-lo compromiso do Ministerio respecto aos proxectos pendentes.

Na súa misiva, Seara alude á “difícil situación económica pola que atravesa o noso país; situación que no último ano non só non mellorou, senón que empeorou, sobre todo para as familias máis vulnerables”, sendo así que “neste complexo escenario económico é absolutamente esencial unha adecuada planificación dos investimentos que, con todo, non debe obviar aquelas infraestruturas que son primordiais para o desenvolvemento dos territorios”, por iso a compañeira lle traslada a Pastor “a necesidade que a provincia de Ourense ten respecto de poder dispoñer das infraestruturas apropiadas que sirvan como elemento de vertebración do territorio, así como de elemento dinamizador da economía e o desenvolvemento da provincia”, sendo así que a deputada considera “absolutamente perentorio que o Goberno concrete prazos e investimentos respecto das diferentes conexións da Alta Velocidade na provincia, así como unha clara definición dos proxectos de entrada do AVE na cidade de Ourense e da estación intermodal”.

Así mesmo, Seara pretende abordar con Pastor a situación de infraestruturas como a A-76, a N-525, a N-120 e diferentes proxectos provinciais que se atopan paralizados.

Tras lembrarlle á Ministra que é deputada elixida por unha circunscrición galega, a compañeira sostén que “Ourense é exemplo de provincia interior necesitada dunha firme aposta polo reequilibrio territorial, que non sempre é asumida polas administracións; e nesa aposta o Ministerio de Fomento debe xogar un papel determinante para vertebrar, dinamizar e abrir espazos de desenvolvemento e progreso en Ourense”.

Xa que logo, pola súa condición de “única deputada da oposición pola provincia de Ourense” no Congreso, Seara espera obter resposta positiva da Ministra respecto de a celebración da reunión que solicita.

Tags: , , , ,