Os socialistas instamos ao PP a expresar no seu congreso a súa determinación de erradicar a corrupción en Galicia

O Secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Pablo García, criticou a dobre vara de medir do PP, e nomeadamente de Feijóo ante os casos de corrupción que afloran no seu partido. Así, o número dous dos socialistas galegos reproba a actitude “indignada” do Presidente da Xunta á saída da súa audiencia co Rei ao ser preguntado polo caso Bárcenas, cando Feijóo “ten o seu propio caso Bárcenas a 50km. do seu domicilio”, dixo aludindo ás contratacións de Baltar na Deputación de Ourense, “e leva moitos anos mirando cara outro lado”, acusou.

García afirma que o Presidente do PP en Galicia non ten que “rasga-las vestiduras” polo que pasou en Madrid, o mesmo que Dolores de Cospedal, a quen o responsable de Organización dos socialistas galegos insta a falar de Baltar aproveitando a súa presenza no congreso do PP en Lugo.

Para o compañeiro, “non existe un PP bo e un PP malo”, senón que o primeiro “é cómplice do que está pasando e leva pasando moitos anos” na nosa provincia.

García reclamou a Rajoy que se pronuncie tamén sobre a investigación dos contratos de Baltar dende a convención municipal que o PP celebra en Almería, “un foro moi adecuado” para debater sobre este asunto, e coñece-la opinión de quen no seu día dixera que “Baltar é o PP”. O dirixente do PSdeG tamén lembrou que o mesmo Feijóo nomeou superdelegado a Rogelio Martínez, compañeiro de partido ao que “pillaron tarde, porque xa prescribira”, preguntando García “onde está a indignación, o chegar ata o fondo, ou a tolerancia cero; onde está todo iso que di nas rolda de prensa”.
O compañeiro recriminou a Alfonso Rueda, Conselleiro da Presidencia –e, polo tanto, sobre quen recae a responsabilidade de supervisa-las deputacións-, que leve catro anos sendo “cómplice destas actuacións”, e esixiu aos PP que, aproveitando o congreso que celebran esta fin de semana, expresen “a súa determinación de erradica-la corrupción do PP galego, porque teñen aquí casos tan sangrantes e escandalosos como o de Bárcenas”.

Pola súa banda, o noso portavoz na Deputación, Ignacio Gómez, anunciou que pedirán informe de Secretaría sobre a capacidade dos deputados provinciais do PP -a excepción do alcalde de Avión-, para votar-lo pasado venres a investigación das contratacións de Baltar Pumar, moción que foi rexeitada precisamente cos seus votos. Para o noso voceiro, en cumprimento da Lei de Bases de Réxime Local, o Regulamento de Organización, funcionamiento e réximen xurídico das entidades locais, e a lei de Procedemento Administrativo, catorce dos quince deputados provinciais do PP poderían ter incorrido en prevaricación, xa que “está demostrada a relación de parentesco, consanguinidade ou afinidade” dos representantes populares coas persoas relacionadas co devandito asunto debatido no Pleno. Neste senso, os socialistas advertimos que seguiremos a evolución da nosa petición de informe e non descartamos acudir á vía xudicial correspondente.

Respecto aos anuncios do Presidente da Deputación de iniciar accións legais, Gómez non entende ben a quen se dirixe esta advertencia, “se aos Medios, ás persoas ou aos funcionarios que afirman na rúa que isto foi unha fábrica de enchufar durante moitos anos”. Caso de que vaia dirixida ao PSdeG, “xa pode ir correndo mañá mesmo”, emplazouno Gómez, quen afirmou que “os que mancharon o nome da institución foron eles”.

Tags: , , , , , ,