Seara insta ao Goberno a “deixar de marea-la perdiz mentres as familias se afunden no paro”

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, esixiu ao Goberno “que confirme de forma inmediata se prorrogará ou non a axuda de 400€ aos parados que esgotaron as prestacións”.

Seara lembra que o vindeiro mes se cumpre o período de vixencia do “Plan Prepara” e sinala que “é inhumano que o Goberno continúe xogando co sufrimento de moitas familias cuxo único ingreso son eses 400€, e que non saben se en apenas un mes o perderán”; xa que logo, pide ao Executivo “que lles diga a esas familias que é o que vai pasar coa axuda dos 400€ e non aumente a súa angustia con máis incerteza”.

Ademais, a compañeira sinalou a necesidade de “que o Goberno prorrogue o ‘Plan Prepara’, pero sen recortes, como estaba antes da última prórroga, en agosto, que deixou fóra da axuda a moitas persoas”; neste senso, sostén que “a situación do paro no noso país é insostíbel, e xa ficou demostrado que as medidas do Goberno de Rajoy empeoraron o panorama”. Así, apunta que “en tan só un ano, con Rajoy no Goberno, se destruiron dous mil empregos diarios, de xeito que actualmente hai un 10% máis de paro que hai un ano”.

Seara engade que “os grupos da oposición vimos denunciando dende hai un ano que os Orzamentos do Estado do Goberno de Rajoy, baseados só no recorte, carecen de políticas de emprego adecuadas, e non farían senón aumenta-la recesión; e, lamentábelmente, así foi”.

Para a deputada, “a ineficacia das políticas do PP é aínda máis patente en Galicia, que se converteu na comunidade autónoma na que máis subiu o paro; e, mentres, Feijóo aplaude a Rajoy e abandona aos galegos”.

Respecto de Ourense, a compañeira lembra que “hai aproximadamente dez mil familias con tódolos seus membros en paro, e preto de dous mil douscentos beneficiarios do ‘Plan Prepara’ aos que o Goberno non foi capaz de dar unha resposta, ao non estimula-lo emprego, e que polo menos merecen saber se poderán seguir dispoñendo ou non da axuda de 400€”, e advirte de que “dende o Grupo Socialista promoveremos no Congreso as iniciativas que sexan necesarias ata que o Goberno ofreza unha resposta aos cidadáns”.

Tags: , , ,

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *