Raúl Fernández acusa a Feijóo de mentir sobre a paralización da autovía a Portugal pola Baixa Limia

Os/As socialistas acusamos a Feijóo de “mentir, enganar e agocharse de xeito covarde” tralos alcaldes, para paraliza-la autovía a Portugal pola Baixa Limia

O Secretario Provincial e voceiro de Infraestruturas do Grupo Socialista no Parlamento galego, Raúl Fernández, fixo esta afirmación tras coñece-las declaracións de Feijóo nas que acusa aos alcaldes da provincia de Ourense “de dificulta-la autovía a Portugal”. Fernández afirma que o único responsábel da paralización deste proxecto “é un ourensán que se chama Alberto Núñez Feijóo”.

O compañeiro lembrou as constantes “soflamas” e promesas do PP sobre a execución desta infraestrutura: “primeiro comprometeuna o Conselleiro de Infraestruturas, e agora o máximo responsábel do goberno decide que non é prioritaria”. Pola contra, o compañeiro subliñou a boa disposición que amosaron tódolos/as alcaldes/esas das comarcas de Ourense, Celanova e Baixa Limia para a construción deste vial.

Fernández acusou a Feijóo de mentir “descaradamente”, posto que recibiu “unha autovía perfectamente planificada e adxudicada”, entre Ourense e a fronteira portuguesa na Baixa Limia, lembrando que a Xunta está así a recortar “un proxecto estratéxico para o desenvolvemento da provincia de Ourense”, e enmarcou este feito no empeño de Feijóo en castigar á provincia de Ourense, algo que o noso Sº Provincial coida que o Presidente fai “cada vez que pode”.

Neste caso, ademais, o voceiro parlamentario de infraestruturas tamén acusou a Feijóo de “manter unha actitude covarde”, ao escudarse en falsas acusacións contra os/as mandatarios/as locais, e esixiulle que “dea a cara diante tódolos ourensáns e non se esconda” tras esas falsas acusacións.

Pola nosa banda, o compañeiro anunciou que o Grupo Socialista no Parlamento galego impulsará unha batería de iniciativas parlamentarias en tódalas Administracións “para que esta infraestrutura, que é capital para a provincia, se leve a bo termo”.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *