Seara denuncia a “paralización e o silencio do Goberno” respecto da estación intermodal de Ourense

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que esixe ao Goberno central que “explique os motivos polos que non comezaron as obras da estación intermodal de Ourense”. Seara advirtiu de que “parece que entre os plans do Goberno está acabar con proxectos emblemáticos para a provincia de Ourense, e temémonos que este sexa un deles”, xa que, como lembrou “este é un proxecto que se adxudicou no 2011 co Goberno socialista, e que o PP se encargou de paralizar”.

Para basear esta afirmación, a compañeira fixo un recordatorio da traxectoria precedente, afirmando que “a chegada do AVE a Galicia, e particularmente a Ourense, se viu ameazada dende que o actual Goberno do PP, tomou posesión: semana tras semana asistimos a un baile de prazos, cifras e compromisos por parte da Ministra Pastor e de diferentes responsables do Ministerio de Fomento: primeiro foron as licitacións, logo o cambio de trazado na súa entrada na cidade de Ourense, máis tarde as decisións contraditorias respecto dun posible soterramento das vías, que logo dun ano non resolveron, e agora é a estación intermodal proxectada na cidade a que se cuestiona por parte de Fomento”.

Para os/as socialistas, como tamén lembrou a deputada “a redacción do proxecto xa está adxudicada a un equipo de arquitectos de gran prestixio e con vínculos moi directos coa cidade”, e “o Goberno debe responder sobre se considera que a cidade de Ourense non merece unha estación das características do proxecto adxudicado”, recalcando que “non só é un grave erro paraliza-la construción dunha estación chamada a se-la central de Galicia”, senón que elo, ademais, “constitúe unha nova discriminación a unha cidade e unha provincia que necesitan como poucas de políticas de acción positiva por parte de tódalas administracións públicas”.

Por todo elo, Seara esixiu no Congreso que o Goberno aclare “cando comezarán as obras para a estación intermodal, se prevé modifica-lo proxecto e, de ser así, canto pretende a Ministra aforrar coas devanditas modificacións”.