O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o PP amorea escolares nun autobús do colexio de Mende

O problema concrétase nunha ruta escolar que ten asignados 79 nenos e nenas de infantil, primaria e secundaria –algúns con necesidades educativas especiais– para un autobús de só 55 prazas

María Alida Iglesias denuncia a “complicidade do PP local coas vergoñentas e economicistas decisións tomadas por Feijóo, que están a prexudicar seriamente ó ensino público e a vida da veciñanza”

CIP Mende

Ourense, 8 de outubro de 2018. Os socialistas denuncian que o PP bloquea vergoñentamente a mellora do transporte escolar do CPI José García García de Mende, situado ás aforas de Ourense, no que estudan varios centos de escolares da área metropolitana da terceira cidade de Galicia, e o que uns 80 nenos e nenas de varias localidades de Pereiro de Aguiar, Esgos e Nogueira de Ramuín teñen que ser trasladados ás presas nun único autobús pero en dúas quendas, porque a Xunta de Galicia se nega a financiar dous vehículos para a ruta, provocando longas esperas, madrugóns innecesarios, problemas de conciliación e maior inseguridade nos percorridos.

O problema concrétase na ruta número seis deste centro, que ten asignados 79 nenos e nenas de infantil, primaria e secundaria –algúns con necesidades educativas especiais– para un autobús de só 55 prazas. A pesar do evidente overbooking, a Consellería de Educación optou por facer dúas viaxes no lugar de contratar dous vehículos, provocando importantes trastornos ós escolares, as súas familias e ós empregados. E, para colmo, o PP dalgúns dos municipios afectados como é Pereiro, pretende tapar o problema que salpica plenamente ós seis veciños e veciñas, tras vetar o debate dunha moción socialista que reclamaba melloras durante o último pleno municipal.

A precaria situación na que se atopa este servizo de transporte provoca que a primeira quenda recolla ós escolares ás 7.10 horas en Santa Cruz (Nogueira) chegando ó colexio (situado a só 20 kilómetros desa localidade) ás 8.25 horas sen facer todas as paradas e 35 minutos antes do comezo da xornada. O mesmo autobús volve sobre os seus pasos ata Cortiñas (Pereiro) co fin de trasladar as présas ata Mende á cativada das catro últimas paradas, posto que ó bus lle resulta case imposible estar novamente no colexio ás 9.00 horas. O problema repítese pola tarde ó remate das clases, provocando que decenas de escolares teñan que esperar entre 45 minutos e unha hora a que o autobús volva de facer a primeira quenda.

A secretaria de educación do PSdeG-PSOE de Ourense, María Alida Iglesias, denuncia a “complicidade do PP destes municipios da contorna de Ourense que suman máis de 1.200 nenos e nenas en idade escolar, coas vergoñentas decisións tomadas polo goberno de Núñez Feijóo, que están a prexudicar seriamente a calidade do ensino público e a vida dos seus veciños e veciñas”. “Non permitiremos que ante unha situación tan rocambolesca, unicamente ofrezan a calada por resposta e pretenda ocultar un problema creado por eles mesmos que se soluciona con vontade política e un pequeno investimento”.

“Facer dúas quendas no lugar de facer o servizo con dous vehículos, prexudica o tempo de descanso, ocio ou estudo dos escolares; causa importantes problemas de conciliación laboral e familiar, e obriga ós traballadores e traballadores do centro educativo de Mende a alongar diariamente a súa xornada laboral para custodiar ó alumnado ás horas de entrada e saída”, explica Iglesias. “É incomprensible que o PP ourensán se negue a presentar unha queixa formal á delegación da Consellería de Educación por esta deficiente situación do transporte, tal e como pedían desde a agrupación municipal de Pereiro, e ante esta vergoñenta deixadez de funcións dos conservadores, os socialistas imos a traballar para ofrecer unha solución efectiva para todas as partes, co fin de reducir eses dilatados tempos á maior brevidade posible”, conclúe.

Non é a primeira vez durante este ano que os socialistas de Ourense alertan de situacións caóticas nas rutas de transporte escolar, nalgúns dos maiores centros educativos públicos da provincia, como o CEIP Calvo Sotelo de O Carballiño (con case 600 rapaces e rapazas) ou o CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar (que aglutina uns 270 alumnos e alumnas). A secretaría provincial de educación do PSdeG-PSOE anuncia que vai manter activa a labor de vixilancia e control deste servizo público co fin de apoiar ós escolares, ás ANPAS e ós mestres e mestras afectados pola inoperancia da Xunta de Galicia, e recorda que non vai deixar de demandar solucións eficientes para defender o dereito fundamental a unha educación de calidade, fronte ós criterios economicistas que o PP insiste en aplicar.