O PSdeG-PSOE de Maceda acada a unanimidade do pleno para catro iniciativas ante a parálise do PP

A portavoz, Ana María Rodríguez, destaca a “satisfacción do PSOE para seguir traballando nestas iniciativas útiles que recollen as necesidades reais da vila, co fin de que executen en tempo e forma”

Os socialistas denuncian a falta de transparencia e a absoluta parálise do grupo de goberno do PP ante as demandas dunha veciñanza que se sinte abandonada

Ourense, 8 de outubro de 2018. O PSdeG-PSOE do concello ourensán de Maceda acadou a unanimidade para as catro iniciativas que presentou a debate durante o último pleno municipal. En contraposición coa absoluta parálise do goberno local do PP, os socialistas traballan e dan cara desde a oposición. Desta forma, os socialistas lograron acordos para paliar os danos ocasionados polas tormentas e as cheas; para mellorar a calidade da auga da traída; para implementar axudas municipais en material escolar funxible e impreso do alumnado de educación infantil e para acometer melloras nas obras executadas na rúa da Pena.

A portavoz municipal dos socialistas, Ana María Rodríguez, destaca a “satisfacción do PSOE para seguir traballando nestas iniciativas co fin de que se poidan executar en tempo e forma”. “Estamos a falar de mocións útiles que recollen as necesidades reais da vila e dos seus habitantes, fronte a situación de deixadez absoluta do goberno local que practica a vagancia dunha forma constante”, denuncia. “Nós traballamos para ofrecer solucións e damos a cara atendendo as demandas dunha veciñanza que se sinte totalmente abandonada polo seu concello”, asevera antes de recordar que estarán “vixiantes para que estes compromisos unánimes se cumpran á maior brevidade posible ou volveremos á carga, porque nos debemos ó pobo e como o PP non traballa pola veciñanza desde a alcaldía, estamos a facelo os socialistas desde a oposición”.

A labor do PSdeG-PSOE de Maceda fronte o desleixo do goberno local, permitirá orzamentar axudas municipais para material escolar funxible e impreso destinado ó alumnado de educación infantil –de 3 a 6 anos– tras redactar unha sinxela ordenanza municipal que regulará a tramitación e concesión. Trátase dunha idea que o grupo municipal socialista reitera ante o pleno, posto que xa fora levada a debate con anterioridade, pero que o PP non materializou. A sesión tamén acordou demandar da empresa adxudicataria das obras na rúa da Pena unha execución correcta das mesmas, ademais de instar ó Concello a habilitar medidas de seguridade viaria para residentes e peóns, e a ordenar adecuadamente a circulación e aparcadoiros de vehículos nesta rúa.

Así mesmo, a corporación aprobou realizar un plan de prevención de danos causados por tormentas e cheas, solicitando axuda á Xunta de Galicia para a súa realización. Tamén se elaborará un estudo sobre o estado dos sumidoiros e dos desaugues naturais das vertentes dos ríos do municipio. O acordo unánime promovido polo PSdeG-PSOE tamén servirá para establecer mecanismos de control municipal sobre o mantemento da depuradora da auga da traída, así como esixir auga de calidade á empresa de abastecemento, e compensación económica ós usuarios e usuarias a causa dos prexuízos derivados dos cortes e a turbidez da auga da traída.

A portavoz cuestiona unha vez máis a absoluta falta de transparencia do goberno local conservador, que se nega a celebrar os plenos segundo o estipulado na Lei 7/1985 reguladora das Bases do Réxime Local, que determina que as sesións ordinarias do pleno terán lugar cada tres meses nos municipios de hasta 5.000 habitantes, caso de Maceda. “A falta de transparencia é absoluta porque están a convocar as sesións ordinarias totalmente fóra de prazo, cada 4 ou 5 meses, incumprindo flagrantemente a lexislación, xa que o alcalde quere furtar á veciñanza o seu dereito a estar informados, a participar activamente na vida municipal a través do pleno, mentres tamén nos coarta o exercicio do control democrático dende unha oposición construtiva”, conclúe Rodríguez.

Tags: , , , , ,