Os socialistas de Xunqueira de Ambía atenden á veciñanza ante a invasión da velutina ignorada polo PP

foto velutina xunqueira ambia

Malia os reiterados avisos ó concello e a Medio Rural son os propios veciños e veciñas os que, arriscando a súa integridade, vense na obriga de retirar colmeas coas súas mans sen medios adecuados

Francisco Quintas asegura que “o alcalde popular, o señor Gavilanes, demostra o seu nulo interese polas preocupacións veciñais, mantendo ó noso concello nun permanente estado de abandono e desleixo”

Ourense, 4 de outubro de 2018. Os socialistas do concello ourensán de Xunqueira de Ambía están a atender as queixas dos veciños e veciñas, ante a invasión que, desde fai meses, se estende descontroladamente polo municipio por culpa da vergoñenta pasividade do goberno local do PP e dos responsables da consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Unha absoluta deixadez de funcións que motivou que sexa a propia veciñanza a que retirase as grandes colmeas desta especie invasora, poñendo en risco a súa saúde, no lugar de encargar este traballo a técnicos especializados.

E que, nos últimos meses os habitantes de Xunqueira de Ambía veñen sendo testemuñas de como importantes colonias de vespa velutina están a instalar as súas colmeas de importantes dimensións, en árbores, cornixas e galpóns por todo o termo municipal. Malia os reiterados avisos ó concello, á Consellería do Medio Rural e ó seu servizo de atención e información á cidadanía do 012, pouco ou nada se fixo para solventar o problema, mentres se están a multiplicar as queixas veciñais ó ver como pasan semanas, e incluso meses, ata que as colmeas son retiradas.

En numerosas ocasións manifestáronlle ó secretario da Agrupación Socialista de Xunqueira de Ambía, Francisco Quintas, que son os propios veciños e veciñas os que, arriscando a súa integridade, vense na obriga de retirar as colmeas coas súas mans sen dispor dos medios materiais e de seguridade adecuados. O malestar da veciñanza é crecente, pois ven angustiados como desde o concello se lles remite, como única solución a un problema desta gravidade, ó servizo telefónico do 012, escudándose en que non teñen medios para combater a praga da velutina.

Desde a Agrupación Socialista manifestan que “na loita contra a vespa asiática debe implicarse tamén o ente local, pois non se pode permitir que esta especie se converta nunha ameaza para a poboación, xa que cada vez está colonizando entornos máis próximos ás vivendas, co conseguinte risco para a súa integridade física”. Os socialistas consideran que, independentemente das actuacións da consellería do Medio Rural, o Concello de Xunqueira de Ambía debe dotar ó seu persoal cos equipos necesarios para a retirada das colmeas desta especie invasora ou ben contratar os servizos de empresas especializadas, para o cal debera ter suficiente dotación orzamentaria.

O secretario do PSdeG-PSOE deste municipio ourensán, Francisco Quintas, asegura que “unha vez máis o alcalde popular, o señor Gavilanes, demostra o seu nulo interese polas preocupacións veciñais, mantendo ó noso concello nun permanente estado de abandono e desleixo, con servizos cada vez máis precarios e escasas posibilidades de supervivencia ante o reto do despoboamento rural que estamos a sufrir”.

Tags: ,