O Mosteiro de Oseira, asediado polo lixo por culpa do desleixo do PP

OS SOCIALISTAS DE CEA DENUNCIAN QUE O DESLEIXO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE CO SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS TEN O MOSTEIRO DE OSEIRA ASEDIADO POLO LIXO

O PSdeG-PSOE reclama a inmediata mellora da frecuencia do servizo de recollida; a contratación de persoal suficiente; o remozado de contedores; e a revisión da taxa cobrada á veciñanza

O portavoz, Guillermo Fernández Dopazo, asegura que “o servizo é pésimo en todo o municipio” e salienta que “a demora do baleirado é inaceptable en plena tempada estival con temperaturas tal elevadas”

Ourense, 29 de agosto de 2018. Os socialistas de Cea denuncian que o desleixo da Deputación de Ourense co servizo de recollida de residuos, ten un dos edificios históricos máis importantes de Galicia, o mosteiro de Oseira, asediado polo lixo semana tras semana. E que por culpa da vergoñenta mala xestión e a calculada inacción do Partido Popular, os residuos acumúlanse nos contedores e nos muros históricos do recinto á espera de que alguén os recolla con eficiencia, contaminando un entorno de gran monumentalidade e dispersando un fedorento cheiro que recibe ós visitantes, peregrinos do Camiño de Santiago e á veciñanza en plena tempada alta turística.

Basura en Oseira

O Grupo Municipal Socialista reclama a inmediata mellora da frecuencia do servizo de recollida; a contratación de persoal suficiente durante o verán para atender á demanda, notablemente incrementada polos residentes ocasionais estivais; a limpeza, substitución ou reparación de contedores en mal estado; así como a revisión da taxa cobrada ós veciños e veciñas, que actualmente non é acorde coa calidade do servizo prestado.
O portavoz municipal, Guillermo Fernández Dopazo, asegura que “o servizo é pésimo en todo o municipio, pero é especialmente grave que no principal punto turístico de Cea, o mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira, a situación de desleixo e suciedade sexa unha constante semana tras semana, por culpa da absoluta inacción do goberno local e da Deputación de Ourense, responsable última”. “A pesar de que a recollida do lixo empeorou manifestamente co paso dos anos, incriblemente aumentaron notablemente as taxas que cobran á veciñanza polo servizo”, denuncia antes de salientar que “a demora do baleirado dos contedores é inaceptable en plena tempada estival con temperaturas tal elevadas”.

O PSdeG-PSOE de Cea solicita, unha vez mais de forma urxente, a mellora na frecuencia da recollida, actualmente reducida a un insignificante e único día á semana na maioría das localidades a pesar dos problemas que crea a acumulación de lixo do verán, e a substitución ou reparación daqueles contedores que se encontran en mal estado. Os socialistas de Ourense recordan que xa denunciaron en numerosas ocasións, na Deputación e en numerosos concellos da provincia, o “pelotazo” que Manuel Baltar executou coa progresiva privatización dun servizo básico como este, que os pequenos concellos non poden prestar, polo que se ven obrigados a recurrir a “pasar polo aro” da institución provincial.

Tags: , , ,