O PSdeG-PSOE de Ourense acorda colaborar en políticas migratorias co goberno de Baixa Saxonia

O secretario provincial de emigración, Luis Gulín, reuniuse no Parlamento co presidente do goberno, co ministro do interior, coa delegada especial para políticas migratorias e cun diputado do SPD

Doris Schröder-Köpf interesouse pola situación actual da inmigración en España e Galicia, solicitando estreita colaboración informativa e de intercambio de experiencias co seu departamento no futuro

Reunion_goberno_baja_sajonia
Stephan Weil, Luis Gulín, Doris Schöder-Köpf e Boris Pistorius

Ourense, 24 de agosto de 2018. O Goberno de Niedersachsen (Baixa Saxonia), un dos dezaseis estados federados de Alemaña, recibiu ó secretario provincial de emigración dos socialistas de Ourense, Luis Gulín, nun encontro no que chegou a acordos coa delegada especial de políticas migratorias e integración, para intensificar a colaboración informativa e de intercambio de experiencias entre o PSdG-PSOE e o seu departamento.

Gulín foi recibido no Parlamento de Niedersachsen, onde o presidente do Goberno deste estado federado, Stephan Weil (Partido Socialdemócrata de Alemania, SPD), agradeceu a visita dun fillo de emigrantes nado en Hannover e a súa implicación no ámbito das políticas migratorias “no partido irmán socialista”. A reunión principal tivo lugar coa delegada especial do goberno para políticas migratorias e integración, Doris Schröder-Köpf, que se manifestou coñecedora de Galicia e do camiño de Santiago, xa que unha das súas mellores amigas é de orixe galega.

Schröder-Köpf interesouse polo miúdo da situación actual da inmigración en España e Galicia, solicitando estreita colaboración informativa e de intercambio de experiencias entre o PSdG-PSOE e o seu departamento no futuro. A delegada especial, que non recibe ningún tipo de remuneración para ese cargo, informou ó secretario de emigración do intenso funcionamento do seu departamento e das actividades de prevención, información a integración realizadas nos últimos anos no seu estado.

O ministro do Interior, Boris Pistorius (SPD), que tamén estivo no encontro, lembrou que o secretario de emigración dos socialistas ourensáns foi en 1984, o primeiro estudante de bacharelato de orixe estranxeira de Niedersachsen que realizou prácticas profesionais de 15 días na policía alemá. Esta iniciativa foi pioneira para a posterior modificación, durante os anos noventa, do acceso ós corpos policiais, onde a nacionalidade alemá non é requisito excluínte.

Posteriormente o secretario de emigración tamén mantivo un breve encontro co deputado rexional do SPD de orixe turca, Alptekin Kirci, que informou a Gulín da súa actividade parlamentaria no seu distrito electoral coas comunidades estranxeiras.