Os socialistas de Leiro denuncian que o alcalde do PP oculta información sobre o vertedoiro xunto ó río Avia

“Se o alcalde unicamente ofrece a calada por resposta, é que algo ten que ocultar en todo este turbio asunto”, asegura Manuel Rodríguez, o portavoz municipal do PSdeG-PSOE

Ante esta falta de explicacións dos conservadores, os socialistas rexistraron un segundo escrito no que demandan copia das licenzas de actividade do solar e copia dos permisos de actividade

Ourense, 24 de agosto de 2018. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia que o alcalde do PP deste municipio ourensán, Francisco José Fernández, está a ocultar todo tipo de información sobre o vertedoiro de lixo e refugallo ubicado na entrada das zonas de ocio e lecer do río Avia, logo de non contestar absolutamente nada á solicitude de información rexistrada polos socialistas a comezos de agosto. “Se o alcalde unicamente ofrece a calada por resposta, é que algo ten que ocultar en todo este turbio asunto”, asegura o portavoz municipal, Manuel Rodríguez, antes de recordar que os gobernos locais, segundo a Lei de bases do Réxime Local vixente, están obrigados a facilitar información ás formacións políticas da corporación.

“Fernández presidente un goberno vergoñentamente preguiceiro que non cumpre debidamente coas súas funcións e que, para colmo, presume dun escurantismo propio doutras épocas pasadas”, denuncia o portavoz. Ante esta ausencia de explicacións claras e concisas por parte dos conservadores de Leiro, os socialistas rexistraron un segundo escrito no que demandan copia das licenzas de actividade do solar e copia dos permisos ambientais pertinentes e necesarios para as actividades que alí se realizan, aparentemente un almacén de carácter industrial. Tamén solicitan que, no caso de inexistencia de licenza e permisos, o alcalde execute os procedementos regulamentarios que son de aplicación nestas situacións de presunta ilegalidade.

O PSdeG-PSOE de Leiro recorda que están a recoller, desde hai moito tempo, críticas e protestas dun gran número de veciños e veciñas, ante a acumulación indiscriminada de lixo e refugallos de ferros e pedras ou depósitos de gran tamaño, xerando un negativo impacto paisaxístico, visual e medioambiental nun espazo que, pola súa excelente ubicación na mesma entrada das zonas de ocio e lecer do río Avia, debería estar limpo e coidado. Rodríguez denuncia que “o vergoñento abandono por parte do concello deste espazo cada vez máis degradado, está a prexudicar seriamente a imaxe do municipio e a vida diaria da veciñanza da zona” por culpa dun goberno local “sumido nunha manifesta deixadez de funcións das súas obrigas coa protección e impulso do medio ambiente e do turismo”.

Os socialistas tamén lle recordan ó rexedor conservador que, aínda que todo ese lixo e refugallo se atopen nunha finca de titularidade privada, é deber obrigado do goberno local vixiar e facer cumprir a lexislación vixente en materia urbanística, de saúde pública e protección do medio ambiente en todo o municipio, tamén nos espazos privados.

Tags: ,