Os socialistas de Ourense súmanse ás demandas dos emigrantes en Hannover para a restitución de servizos consulares suprimidos polo PP

O colectivo emigrante presentou ó secretario provincial de emigración, Luis Gulín, as súas protestas pola eliminación de atención consular para a rexión, unha das máis poboadas do país

Emigrantes consideran “absolutamente insuficiente e decepcionante” o servizo mensual decretado polo PP mentres organizacións sen ánimo de lucro están a ofrecer a atención suprimida desde 2011

Ourense, 23 de agosto de 2018. Os socialistas de Ourense súmanse ás demandas dos emigrantes españois en Hannover e o land Niedersachsen (Baixa Sajonia), co fin de acadar a restitución dun servizo sociolaboral consular eficiente e regular, suprimido hai meses polo PP. O colectivo emigrante presentou ó secretario provincial de emigración, Luis Gulín, as súas protestas pola eliminación desta atención consular para esta rexión –unha das máis poboadas do país–, decretado o pasado 30 de xuño pola ministra do PP, Fátima Báñez, logo do carrusel de recortes en todo tipo de servizos e dereitos á poboación española no exterior iniciado polos conservadores en 2011.

Os emigrantes manteñen o seu descontento polo peche do consulado que existía en Hannover ata hai sete anos. Ó pecharse tamén o de Bremen, o consulado de Hamburgo tivo que asumir as súas funcións e agregar á poboación española destas circunscricións. Unha situación de precariedade agravada co peche da atención sociolaboral decidida pola exministra de Traballo conservadora, xa que este ministerio ten estas competencias no exterior. O PP optou por ofrecer un único servizo mensual o primeiro venres do mes de 10 a 17 horas. O colectivo de emigrantes considera “absolutamente insuficiente e decepcionante” esta opción, obrigándolles a desprazarse a Hamburgo cun gasto medio de 80 euros só pola viaxe.

Iván Álvarez, membro de CISNE –unha organización sen ánimo de lucro que axuda a persoas recentemente chegadas a Hannover– denuncia que a falla destes servizos está a supor un problema de calado, debido ó recente aumento da poboación española nesta rexión por mor da crise en España. Tanto Álvarez como un gran equipo de voluntarios están a traballar arreo no seu tempo libre para ofrecer, desde esta organización, a información e os servizos que o PP tombou, prestando “unha axuda moi necesaria a mozos e mozas en situación de vulnerabilidade e desprotección ante a administración alemá”. Por iso denuncian a “ausencia de respaldo institucional e xurídico do servizo consular”. Pola súa banda, a Misión Católica Española de Cáritas en Hannover confirmou ó secretario provincial de emigración por medio do párroco, Salvador Tarrazas, e do traballador social da entidade, que actualmente só poden atender ó colectivo de emigrantes españois en asuntos relacionados coas autoridades xermanas no ámbito dos servizos sociais.

Luis Gulín tamén mantivo un interesante encontro coas persoas que se achegan ó centro de día dos maiores españois de Hannover, e tamén con parte do colectivo do Centro Galego de Hannover, que agradeceron o traballo realizado polo PSdeG-PSOE provincial á hora de informar ós retornados sobre a obrigación de ter que contribuír co cinco por cento da súa pensión alemá, unha circunstancia que descoñecían e da que se decataron grazas á divulgación na prensa de Galicia. Unha situación que, como resaltou o monitor do centro de día, José Antonio Martín, xa é “motivo dabondo” para recuperar o servizo de atención consular en Hannover, polo menos, unha vez á semana.

Tags: