O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia a pasividade do alcalde ante un vertedoiro en plena zona turística do Avia

Moreas de lixo, refugallos de ferros e pedras, ou depósitos de gran volumen, acumúlanse xerando un gran e negativo impacto paisaxístico, visual e medioambiental

O portavoz do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez, destaca que “o goberno local, coa súa pasividade e permitindo toda esta desfeita, é consentidor e culpable dunha situación lamentable”

Lixo en Leiro

Ourense, 9 de agosto de 2018. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia a pasividade do alcalde do PP cun vertedoiro de lixo e refugallo ubicado na entrada das zonas de ocio e lecer do río Avia. E que o acceso á área de esparexemento onde está a praia e o paseo fluvial, a pasarela colgante, o parque do Salgueiral, o campo de fútbol, as antigas instalacións do cámping ou a residencia de maiores, estase a converter nun gran solar abandonado no que se acumulan moreas de lixo, refugallos de ferros e pedras, ou depósitos de gran volumen, xerando un gran e negativo impacto paisaxístico, visual e medioambiental.

O portavoz dos socialistas de Leiro, Manuel Rodríguez, destaca que o “vergoñento abandono por parte do Concello deste lugar ó lado mesmo de espazos cun destacado valor turístico e medioambiental da ribeira do río, está a prexudicar seriamente a imaxe do municipio de cara ós turistas e visitantes, pero tamén está a causar malestar entre os veciños e veciñas que desfrutan destes lugares no seu día a día”. “A incompetencia do PP é absoluta porque, mentres gastan centos de miles de euros de diñeiro público nun SPA do viño para facer de Leiro un destino turístico destacado, non teñen o máis mínimo control dunha das zonas de maior interese turístico do municipio ó deixar que se acumule tal cantidade de lixo nunha espazo polo que deben pasar os turistas que vaian ó SPA”, aseveran desde a agrupación municipal.

Rodríguez insiste en que “o goberno local, coa súa pasividade e permitindo toda esta desfeita, é consentidor e culpable dunha situación lamentable, xa que o seu deber é vixiar as zonas de interese turístico e poñer en coñecemento das autoridades medioambientais as irregularidades que se cometan no seu territorio algo que, evidentemente, non está a facer”.

Os socialistas destacan que o goberno conservador de Leiro está “sumido nunha total deixadez de funcións en todo o relacionado co control destes refugallos e coa defensa, protección e impulso dos espazos medioambientais máis importantes do municipio”. Ante esta vergoñenta preguiza dos populares, reclaman ó alcalde que, dunha vez por todas, se poña a traballar e busque “solucións inmediatas”. O PSdeG-PSOE recorda que existe unha planta de reciclaxe na estrada de Vieite (na que se atopa a zona industrial), e debería ser alí onde se acumulen e reciclen este tipo de restos.

Tags: