Denunciamos o desleixo da Xunta ante as pragas que asolan Ourense


Solicitan crear e aumentar partidas económicas e liñas de axuda e a creación dun centro de investigación fitopatolóxica en colaboración coa universidade, para que realice traballos de prevención e loita

Denuncian que a Xunta claudicou resignada e nin tivo nin ten un protocolo efectivo de actuación global para evitar estas pragas, así como problemas de persoal e material

bee-close-up-fictional-37144

Ourense, 6 de agosto de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o desleixo da Xunta de Galicia ante as invasións de vespa asiática, vespa do castiñeiro e praga do carballo que está a sufrir a provincia, e reclámanlle ó goberno galego –que ten as competencias nesta materia– a inmediata declaración de praga, así como a adopción de medidas máis eficientes de prevención, control e información. A secretaría provincial de medio ambiente destaca que a “falla de reacción e a absoluta incapacidade do PP para facer fronte á incontrolada expansión destas especies, está asolando os campos e xa está a producir importantes danos a sectores primarios, debilitando aínda máis o sustento económico das nosas zonas rurais”.

Os socialistas critican que o Goberno galego non se está a tomar as medidas científicas, sociais e económicas necesarias, deixando boa parte da problemática en mans dos concellos, moitos xa desbordados. Por iso solicitan crear e aumentar as partidas económicas e liñas de axuda. Así mesmo reclaman a creación dun centro de investigación fitopatolóxica na provincia, en colaboración coa universidade, para que realice traballos de prevención e loita destas pragas. Tamén demandan máis persoal; a posta en marcha plans de información, formación e prevención sobre a invasión destas especies; e a mellora dos contratos e as metodoloxías dos traballos que realizan as empresas que están a loitar contra estas pragas. Así mesmo recordan que hai meses que se aprobaron iniciativas no Concello e na Deputación de Ourense nas que se instaba a implementar medidas máis efectivas.

“A Xunta, que nin tivo nin ten un protocolo efectivo e de actuación global para evitar a chegada destas pragas, claudicou resignada e parece asumir que estas especies foráneas viñeron para quedar definitivamente”, aseveran desde o PSdeG-PSOE antes de denunciar problemas de persoal. A desorganización dos responsables do PP está a provocar situacións absurdas: moitos niños non poden ser retirados de árbores rodeadas de maleza porque o persoal contratado para retirar niños non pode rozar esa vexetación xa que a Xunta non lles paga ese traballo.

Achegamos un breve resumo facilitado pola secretaría provincial de medio ambiente do PSdeG-PSOE, sobre os efectos destas pragas:

Efectos da vespa asiática

A vespa asiática ten incidencia directa sobre a fauna local, a polinización e os produtos agrícolas. Son moitas as froitas que son roídas, mordidas e comidas (uvas, peras, mazás, figos ou kiwis), particularmente en froiteiras próximos aos niños. Na apicultura constatouse que houbo unha redución do censo de apicultores de ata o 26%; descensos da poboación de abellas ou incluso a morte da totalidade das colonias nalgúns colmenares; falla de pole e mel no outono ou importantes déficits nas reservas de alimentos, problemas que repercuten seriamente na economía deste sector.

Efectos da vespiña do castiñeiro

A vespiña do castiñeiro produce unhas tumoracións nos brotes das diversas especies de castiñeiro. Estas tumoracións causan un enfraquecemento xeral da árbore que o fan máis susceptible a outras pragas e enfermidades, chegando mesmo, en situacións extremas, a ocasionar a morte. O seu principal efecto é a perda de produción, danando un sector esencial na economía da provincia, tanto na súa produción como no sector de secundario transformación e elaboracións de produtos con castaña ( fariñas, bicas e marrón glace. Tras localizarse en Cataluña en 2012, nun lustro xa colonizou a práctica totalidade das rexións castañeiras de España, non tanto polo voo do insecto senón polo transporte de árbores infectadas.

Efectos da praga dos castiñeiros

Os ataques da Altica Quercetorum Foudr. que sofren os carballos provócanlles a desfoliación, un efecto que ocasiona un dano visual e paisaxístico que pode danar o turismo rural. Ademais, os bosques infestados poden sufrir ataques de Mycrosphaera alphitoides (Oidio do carballo), o que ocasiona un gran enfraquecemento das masas que se podería traducir en posibles ataques de insectos xilófagos e, en consecuencia, na morte dos pés afectados.

Tags: , ,