O PSdeG-PSOE sae en defensa do servizo de pediatría na provincia

Os socialistas ourensáns esixen o fin deste ataque furibundo contra os servizos sanitarios dos nenos e nenas e reclaman ó Sergas as medidas organizativas e as contratacións necesarias para manter pediatras

Desde o PSdeG-PSOE levaranse a cabo as accións necesarias para frear o castigo do PP á provincia e, concretamente, ós concellos do rural, tras esta descarada e continuada supresión de servizos

pediatria

Ourense, 24 de xullo de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense sumouse hoxe á concentración veciñal convocada en Castro Caldelas, para defender o mantemento do servizo de pediatría nos municipios do rural da provincia, ante os reiterados ataques de Alberto Núñez Feijóo á saúde dos nenos e nenas. Centos de menores quedaron sen pediatra polos recortes da Xunta de Galicia nos orzamentos sanitarios, obrigando ós cativos e as súas familias a desprazarse ós complexos hospitalarios universitarios de Ourense e Vigo para recibir atención médica básica, unha situación indigna e vergoñenta pois atenta directamente contra un dereito universal como a saúde.

Á protesta acudiron, entre outros cargos e militantes socialistas, o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino; o secretario de organización, Juan Carlos Francisco Rivera; o vicesecretario de relacións institucionais, Álvaro Vila; o deputado do Parlamento de Galicia, Raúl Fernández; a deputada e viceportavoz na Deputación, Elvira Lama; a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; ou o tenente de alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez. No acto evidenciouse o malestar veciñal ante unha nova labazada á atención sanitaria de calidade que está afectando ós concellos onde máis cómpre que se asente poboación moza.

Os socialistas levan meses denunciando o brutal recorte que o PP está a aplicar ós servizos sanitarios pediátricos da provincia de Ourense con peches, recortes e suspensións de todo tipo, nun ataque inaudito contra os dereitos dos nenos e nenas. Esta decisión de suprimir pediatras de atención primaria afonda no deficiente trato sanitario xeral que teñen que padecer os veciños e veciñas de Ourense por parte da Xunta. Un carrusel inaudito de tesoirazos sanitarios e sociais que durante os últimos anos provocou, entre outros, a supresión do servizo de urxencias pediátricas 24 horas no hospital da terceira cidade de Galicia; a paralización de intervencións programadas de cirurxía pediátrica no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (que atende a 400.000 persoas de toda a provincia e tamén do sur de Lugo); ou a eliminación de numerosos médicos pediatras nos centros de atención primaria.

Os socialistas ourensáns esixen o fin deste ataque furibundo contra a provincia e reclaman ó Sergas as medidas organizativas e as contratacións necesarias e inmediatas para dotar do persoal suficiente os centros sanitarios, co fin de restablecer este servizo. Ademais recordan que, durante décadas, o servizo pediátrico ourensá foi un referente para o resto de Galicia, con plena operatividade as 24 horas do día os sete días da semana, a pesar de contar con menos facultativos que outras zonas sanitarias pediátricas de similar poboación. Polo tanto, non se trata de demandar nada que non existira previamente. Desde o PSdeG-PSOE levaranse a cabo as accións necesarias para frear o castigo do Partido Popular á provincia e, concretamente, ós concellos do rural, tras esta descarada e continuada supresión de servizos básicos atacando incluso á infancia.

Tags: , ,