O PSdeG-PSOE de Leiro critica o desleixo do goberno local do PP co patrimonio etnográfico ó negarse a recuperar fontes e lavadoiros públicos

A moción propón unha protección integral para estes elementos singulares, evitando actuacións puntuais en forma de parche como as materializadas ata o de agora que son manifestamente insuficientes

“A realidade é que o alcalde nega esta iniciativa para protexer o noso patrimonio etnográfico e cultural porque non se lle ocorreu a el”, denuncia o portavoz municipal, Manuel Rodríguez

O PSdeG-PSOE de Leiro critica o vergoñento desleixo e monumental desgana do goberno local do PP coa protección do patrimonio etnográfico deste concello ourensán, ó negarse a recuperar as abandonadas fontes e lavadoiros públicos, elementos singulares da cultura local que, para colmo, foron desprezados polo rexedor durante o último pleno municipal. Os socialistas critican o nulo interese dos conservadores por establecer e financiar unha protección integral para estes elementos tan singulares, evitando así actuacións puntuais en forma de parche como as materializadas ata o de agora, que son manifestamente insuficientes.

A moción socialista rexeitada demandaba a elaboración dun plan de rehabilitación de fontes e lavadoiros, habilitando as partidas orzamentarias necesarias para este fin, así como a elaboración dun catálogo actualizado no que se detalle a súa situación e o estado de uso e conservación. Tamén reclama a constitución dunha comisión de seguimento configurada por representantes veciñais, expertos e un concelleiro de cada grupo municipal que establecerá unha orde de prioridades. Por último, solicita unha sinalización adecuada de cara ó seu posible interese turístico, e que se dote de auga a aquelas fontes e lavadoiros que carecen de subministro na actualidade.

O portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Manuel Rodríguez, critica o “vergoñento desleixo do PP cun dos elementos máis destacados do patrimonio etnográfico e cultural como son estas fontes e lavadoiros públicos”. “O máis grave é que o alcalde desprezou o patrimonio de todos e todas ó asegurar despectivamente que ningunha das nosas fontes ten interese turístico algún, unha actitude que demostra a absoluta desidia do PP coa cultura e a tradición local, e a falla de visión turística pois, sen ir moi lonxe, outros concellos limítrofes coma Carballiño ou Boborás acaban de recuperar estes elementos patrimoniais para potencialos coma atractivo turístico e cultural”, explica o concelleiro. “A realidade é que o alcalde nega esta iniciativa porque non se lle ocorreu a el”, denuncia.

Rodríguez lamenta a actitude dos conservadores e detalla que “a moción realmente buscaba establecer unhas liñas xerais para a súa protección xa que, ata o de agora, a súa recuperación e conservación dependen en gran medida da importante labor desinteresada realizada por veciños e veciñas que agora, debido a súa avanzada idade, xa non poden facer”. Os socialistas de Leiro insisten en que é “indecente” que o as fontes e lavadoiros estean nun estado tan lamentable por culpa da innación do goberno local do PP e que é “desvergonzado” deixar unicamente nas mans veciñais a conservación do patrimonio público.