Denunciamos o timo da estampiña do PP con Ourense

PORTADA

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense criticamos que o Ministro de Fomento veña a presentar o timo da estampiña mentras vai a outras cidades con chuvias de millóns
 
“É unha mofa bochornosa que a primeira visita do ministro que cuestionou a variante exterior sexa para presentar só un selo, mentres ten as obras da terceira cidade de Galicia en barbeito”, denuncian
 
O PSdeG-PSOE recorda que Fomento está a regar de cartos Santiago, A Coruña e Vigo mentres a Ourense impónlle o desequilibrio territorioal cunha seca inversora para novas obras moi demandadas
 
Estamos  escandalizados ante a actitude do Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, ó vir á terceira cidade de Galicia a presentar o timo da estampiña, mentres vai ás demais urbes da comunidade con continuadas chuvias de millóns. Os socialistas consideran un “escándalo” que o ministro do PP veña unicamente a facerse unha fotografía cun selo mentres, nos últimos meses, se adicou a pasear por cidades coma Santiago, A Coruña ou Vigo onde inaugurou obras de gran calado ou presentou proxectos millonarios para novas infraestruturas.
 

“É unha mofa bochornosa con Ourense e con toda a provincia que a primeira visita do ministro á cidade sexa para presentar só un selo conmemorativo da Ponte Nova, mentres Fomento ten as grandes obras da terceira cidade de Galicia en barbeito, paralizadas e sen fondos”, denuncian. A mofa do PP é aínda máis ofensiva pois debemos recordar que de la Serna foi o primeiro ministro que cuestionou a necesidade de construír os últimos 17 quilómetros da liña de alta velocidade entre Madrid e Galicia –tramo popularmente coñecido como variante de Ourense– desde Taboadela, porque lle parecía moi caro, unha obra que permitiría liberar o corredor que atravesa a cidade para outros usos. “Alertamos de que, desde que chegou este ministro, nin se adicou un euro nin se moveu papel algún para o último tramo do AVE galego”, din os socialistas.
 

Fomento está a regar de cartos Santiago (ampliación e novos enlaces na AP-9; novos accesos á cidade; enlace orbital; túnel do Hórreo; obras na estación de ferrocarril; ampliación do periférico; conclusión da autovía A-54; etc); A Coruña (porto exterior; túnel da Marina; ampliación da avenida de Alfonso Molina; autovía e tren ó porto exterior; terceira rolda; nova autovía de acceso á cidade desde a A-6; etc.) ou Vigo (ampliación da Ponte de Rande; ampliación AP-9; nova estación intermodal; novos acceso á estación intermodal desde a autopista; remodelación da avenida de Madrid; autovía alternativa á A-55; etc.), mentres a Ourense impónlle o desequilibrio territorial cunha seca inversora para grandes obras. “Non fan nada novo desde hai anos e resulta que cando vén pretende estafarnos co timo da estampiña”, denuncian desde o PSdeG-PSOE.
 

Pedímoslle“seriedade, rigor e compromiso” ó PP, pois Ourense está moi necesitada de investimentos urxentes e dun “reequilibrio territorial real”. “De nada vale que Íñigo de la Serna veña a Galicia a presumir da suposta próxima renovación da conexión ferroviaria con Lugo, cando realmente os orzamentos do Estado estipulan unha mísera partida de 50.000 € para esta liña durante o 2018” aseveran antes de denunciar que “os seus anuncios son ciencia ficción”.
 

Mentres de Íñigo la Serna, Alberto Núñez Feijóo e os demais cargos conservadores do PP pasean polo interior de Galicia para presentar historias de ciencia ficción, co fin de autopromocionar as súas carreiras na sucesión de Mariano Rajoy, marxinan a Ourense e mófanse vergoñentamente duns cidadáns historicamente deixados de lado polas administracións públicas. “Non queremos selos; queremos cartos para obras moi necesarias que o PP nos furta”, conclúen os socialistas antes de recordar que seguimos agardando pola financiación e as obras para a autovía a Lugo; a autovía a Valdeorras e Ponferrada; a circunvalación de Ourense; a ronda norte da cidade; accións de mantemento para a A-52, a N-525 e N-540; a variante exterior ferroviaria entre Taboadela e Ourense; a liña de alta velocidade a Vigo; o tren de cercanías entre Carballiño e o polígono de San Cibrao; a estación intermodal de Norman Foster ou a reforma de N-120 ó seu paso pola cidade, entre outras.