O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que os orzamentos do Estado son un espellismo para Ourense creado por un Partido Popular que se desentende da provincia

O PSdeG-PSOE ven de denunciar que os orzamentos xerais do estado de 2018 son, para Ourense, un espellismo creado por un Partido Popular que se desentende do futuro da provincia.Aa deputada no Congreso, Rocío de Frutos Madrazo, e o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, aseguran que “os populares, ano tras ano, cegan a mirada dos ourensáns con cifras fabulosas de inversión na liña do AVE que logo non se executan, mentres propoñen gastos en inversións pírricas e alleas ó desenvolvemento real. Para os dirixentes do PP, o futuro de Ourense non existe”.

Sinalan que “ó longo dos anos de goberno, o PP segue un manual no que se prometen de xeito sistemático grandes inversións, sabendo que nunca se realizarán, porque a finalidade real é tratar de liquidar débeda”. Proba desta estratexia simuladora son os 120.000 millóns que deixaron sen executar desde 2012, dos que uns 2.000 corresponden a Galicia nos catro últimos anos, a maior parte para o tren de alta velocidade en Ourense. De feito, na pasada anualidade só se gastaron 3,4 dos 461 millóns orzamentados para o ferrocarril.

Así, destacan que os investimentos estratéxicos se limitan a dous eclesiásticos e dous museisticos, no mosterio de Melón e en Santa Comba de Bande, así como a cartos insuficientes para o eternamente pechado museo arqueolóxico e o arquivo histórico.  “Unha boa nova sería levar á práctica a inversión prevista para a alta velocidade, a pesares de que non serva para xerar desenvolvementos produtivos rematadas as obras. Trátase dunha intervención que transcorre pola provincia e non dunha inversión finalista para o desenvolvemento de Ourense”.

“Nós non pretendemos realizar ilusionismo político, queremos presupostos executables e axustados ás necesidades de desenvolvemento da nosa terra”, afirman Rodríguez Villarino e de Frutos Madrazo. “Non entendemos a quen se sente a gusto cuns orzamentos ilusorios e pobres ata a exasperación, a nivel de desenvolvemento estratéxico. Ao parecer, eles están a gusto con estes orzamentos inflados, enganosos e desapegados do futuro das nosas fillas e dos nosos fillos, pero nós non”, insisten.

Ante unhas cifras tan vergoñentas, o PSOE presenta emendas estatais con efecto directo en Galicia por valor de 142 millóns de euros, e o PSdeG-PSOE de Ourense propón 56 emendas de adición, que contemplan actuacións estratéxicas provinciais que suman case 78 millóns.

coins-1015125_640

Emendas concretas

No sector agrícola formúlanse cinco intervencións de 37 millóns, destacando os 26 millóns para o regadío na Limia; tres millóns de apoio ás denominacións de orixe vitivinícolas; e 2,5 millóns para o plan da castaña. O apartado medioambiental acumula emendas por valor de 8,7 millóns, entre as que destacan dous millóns para a recuperación do Parque Natural do Xurés, e 1,5 millóns para a recuperación do embalse das Conchas e o río Támega.

No que respecta á liña de AVE, as emendas do socialismo ourensán engaden 4,6 millóns € para a estación intermodal, sen esquecerse dos 10 millóns e os  150.000 € necesarios para un plan de implementación do ferrocarril de cercanías na área da cidade de Ourense. O eido das infraestruturas viarias inclúe tres millóns para a mellora integral da A-52, así como inversións na A-56  no tramo Cambeo-Ourense que, xunto a outras, totalizan case 10 millóns.

A proposta socialista aposta polo termalismo, para o que se solicita unha partida de 7 millóns. Tamén impulsa o patrimonio con perspectivas turísticas, ó reclamar case 10 millóns en total, destacando tres millóns para o museo arqueolóxico (fronte aos 400.000 do PP); dous millóns para o plan director do románico, e a mesma cantidade para o futuro museo do viño de Ribadavia. Por outro lado, entre as emendas estatais específicamente para Galicia destacan o plan integral de emprego (100 millóns); o plan de prevención de incendios e rexeneración forestal (25 millóns); o plan de supresión de pasos a nivel (10 millóns); e o programa do Camiño de Santiago (dous millóns).

 

Tags: , , , ,