Xuventudes Socialistas e PSdeG-PSOE de Ourense inician as pescudas para recuperar a memoria das vítimas do franquismo na provincia

Os traballos pretenden dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido”, aseguran desde a secretaría de Memoria Histórica

MEMORIA

 

Ourense, 20 de febreiro de 2018. As Xuventudes Socialistas, en coordinación coa secretaría de Memoria Histórica do PSdeG-PSOE de Ourense, iniciaron hai uns días as pescudas para localizar ás vítimas e represaliados do franquismo e ás súas familias na provincia, co obxectivo de “dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política en partidos republicanos e sociedades obreiras de distintos signos”.

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que, en España, unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido, como tampouco o pode ser que permanezan ocultos ao gran público os atropelos cometidos polo réxime franquista contra os demócratas superviventes en forma de penas de cadea perpetua, traballos forzados, detencións e arrestos, expedientes de incautación de bens ou prohibición expresa para o exercicio da función ou cargo público”, explican desde a secretaría de Memoria Histórica, encabezada por Francisco Javier Quintas.

A práctica anulación de partidas orzamentarias por parte do goberno do PP á Lei de Memoria Histórica impulsada polo PSOE durante o goberno de Rodríguez Zapatero, impiden que o Estado cumpra coas débedas pendentes en materia de dereitos humanos e memoria histórica, tal e como o demandan Rights International Spain, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ou a ONU.

É, por iso, o Partido Socialista está a impulsar diferentes iniciativas neste senso encamiñadas a “reparar, protexer, recoñecer e facer xustiza á memoria das vítimas e represaliados, así como a denunciar a sistemática vulneración dos preceptos da vixente Lei de Memoria Histórica por parte dos gobernos do PP”.

 

Tags: , , , , , , ,