PSdeG-PSOE de Ourense e UGT celebran o primeiro encontro previo ó Foro polo cambio social e coinciden na necesidade de realizar cambios urxentes na provincia

Rafael Rodríguez Villarino, Mario Franco e Óscar Vázquez intercambiaron os seus pareceres e conclusións nun clima de cordialidade durante máis de dúas horas

Os dirixentes sindicais subliñaron que a UGT desenvolve un amplo labor reivindicativo a través das súas federacións, que conta con persoal especializado

WhatsApp Image 2018-02-16 at 10.45.55

 

Ourense, 16 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense e UGT celebraron o primeiro encontro previo ó ‘Foro polo cambio social’, unha importante iniciativa política coa que os socialistas queren crear sen demora, unha fronte común para acabar co secuestro caciquil da provincia. Na reunión, o secretario provincial dos socialistas, Rafael Rodríguez Villarino; o secretario provincial de UGT, Mario Franco; e o secretario de organización de administración de UGT, Óscar Vázquez, intercambiaron análises e coincidiron na necesidade de realizar cambios urxentes na provincia.

A reunión estivo precedida dunha solicitude de entrevista realizada dende o Partido Socialista, e estendeuse nun clima de cordialidade durante máis de dúas horas. Ambas organizacións analizaron a preocupante situación provincial e coincidiron na necesidade de realizar cambios con urxencia. Neste senso, apuntáronse os problemas e as potenciais solucións do agro, da industria, dos servizos, do termalismo, do transporte metropolitano, da prevención e extinción de lumes, dos maiores, da demografía ou das oportunidades de futuro para a mocidade, entre outros.

Os dirixentes sindicais subliñaron que a UGT desenvolve un amplo labor reivindicativo a través das súas federacións, que conta con persoal especializado na capitalidade autonómica e que está disposta a formular propostas concretas que axuden a mudar as escuras perspectivas de futuro de Ourense. Sumar, formular solucións alternativas e actuar en positivo foron expresións que se repetiron ao longo das exposicións de Franco e Vázquez. A xuntanza rematou co agradecemento do secretario provincial do PSdeG pola aceptación da visita, polo frutuoso intercambio de ideas e pola disposición a abrir unha canle de colaboración co partido socialista e con outros axentes sociais que consolide un foro permanente orientado ó cambio social na provincia de Ourense.

O Foro polo cambio social organizado polo PSdeG-PSOE pretende unificar forzas con outras formacións políticas progresistas, entidades sociais, empresariais e culturais, co fin de solicitar fondos públicos para fomentar o desenvolvemento da provincia, antes de que Ourense se converta definitivamente nun buraco negro sen futuro.

 

Tags: , , , , , , , ,