A executiva provincial do PSdeG-PSOE destaca o importante consenso acadado na elaboración da nova comisión executiva local da cidade de Ourense

Este acordo integrador de todas as sensibilidades políticas, sen dúbida, foi posible grazas ó favorecemento do consenso e ó fortalecemento interno que impulsa a nova directiva provincial

Unha reunión interparlamentaria con representantes do Congreso, Senado, Parlamento Galego e Deputación Provincial permitirá traballar de forma conxunta e unificada para mellorar Ourense

WhatsApp Image 2018-02-02 at 18.37.34

 

Ourense, 2 de febreiro de 2018. A executiva provincial do PSdeG-PSOE destaca o importante consenso acadado na formación da nova comisión executiva local da cidade de Ourense. Despois dun intenso proceso de diálogo e debate, as diferentes sensibilidades políticas que xa confluíran no III congreso provincial, foron quen de lograr un acordo que beneficiará ós socialistas e ós ourensáns. Este acordo, sen dúbida, foi posible grazas ó favorecemento do consenso e ó fortalecemento interno que impulsa a nova executiva socialista. Desde a directiva provincial recordan que no congreso sentáronse as bases dun novo tempo no socialismo na provincia –agora tamén reflectido na directiva local na terceira cidade de Galicia–, que se caracteriza polo acordo, a integración e o respecto. Desta forma, o PSdeG-PSOE de Ourense fortalécese e poderá retomar o seu papel como elemento clave na dinamización política, económica e social dunha provincia secuestrada polo clientelismo político do PP.

Neste mesmo senso de unificación e traballo conxunto, os socialistas mantiveron a primeira reunión interparlamentaria. Participaron o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso, Rocío de Frutos Madrazo; o senador no Senado, Luís García Mañá; a deputada no Parlamento de Galicia, Noela Blanco Rodríguez; o deputado na Deputación Provincial, Francisco Fraga Civeira, e outros membros da comisión executiva provincial.

A interparlamentaria permitiu fortalecer a cohesión e o coñecemento interno dos distintos cargos públicos; a posta en común dos perentorios problemas que afectan a Ourense; e establecer unha “folla de ruta” para coordinar accións conxuntas nas diferentes institucións parlamentarias nas que os socialistas teñen presenza. Estas reunións terá continuidade con encontros regulares nos vindeiros meses, para consolidar así unha liña de actuación neste novo tempo socialista, co fin de sacar a Ourense do buraco no que o PP o meteu desde hai tres décadas.

Tags: , , , , , , , , , , , ,