O PSdeG-PSOE de Ourense presenta o “Foro polo Cambio Social” para crear unha fronte común coa que tombar o secuestro caciquil da provincia

“Ou facemos algo de inmediato ou botamos o telón e dicimos que neste buraco estaba Ourense”, aseverou Rodríguez Villarino tras recordar os 31 anos de “inacción” e secuestro “caciquil” do PP

 

O portavoz na Deputación salientou a necesidade de “acabar cos repartos a dedo” de Baltar e o portavoz municipal na terceira cidade de Galicia denunciou que “o PP vaille moi ben con esta situación”

 

WhatsApp Image 2018-01-31 at 10.38.47

 

Ourense, 31 de xaneiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense presentou hoxe o ‘Foro social polo cambio’, unha importante iniciativa política coa que o partido quere crear sen demora, unha fronte común e unificada para acabar co secuestro caciquil da provincia. Este foro pretende unificar forzas con outras formacións políticas progresistas, entidades sociais, empresariais e culturais, co fin de solicitar fondos públicos para fomentar o desenvolvemento da provincia, antes de que Ourense se converta definitivamente nun buraco negro sen futuro, tráxica situación que so lle interesa ó PP.

O secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou que “non somos unha provincia de interior; somos unha provincia inferior sen ningún plan de futuro, e os culpables son os que levan 31 anos de inactividade e caciquismo”. “Isto non pode seguir así e salvar Ourense é un imperativo ”, dixo antes de recordar que “perdemos unha media de nove habitantes por día”. O secretario xeral dos socialistas explicou que vai contactar “con todos e todas” para “explicar a proposta co fin de sacar á provincia do estado terminal no que se atopa”, e destacou que o plan do ‘Foro social polo cambio’ ten un calendario de inicio –hoxe mesmo– pero non unha data de fin, porque hai que traballar intensamente con todos os que se queiran sumar. “Ou facemos algo de inmediato ou botamos o telón e dicimos que neste buraco estaba Ourense”, aseverou Rodríguez Villarino.

Pola súa banda, o portavoz socialista na Deputación, Francisco Fraga Civeira, recordou que é “obvia” a necesidade de mudar esta situación “porque cada día somos máis vellos e máis dependentes” por culpa “do caciquismo que ten como fin único a súa propia supervivencia”. “Os socialistas queremos unha Deputación que axude ós concellos e que poña fin ó actual reparto clientelar que unicamente nos leva a desaparecer”, reclamou. Queremos rematar cos pagos para presumir de ser os máis transparentes ou os máis tuiteros, para poder presumir de que Ourense ten moito futuro”, salientou Fraga.

O portavoz municipal na terceira cidade de Galicia, José Ángel Vázquez Barquero, destacou que “nos últimos anos, a área urbana de Ourense, ó contrario do que debería ser, tamén perde poboación aínda que sexa de forma atenuada” e, segundo relatou, “isto ten causas económicas, pero sobre todo é pola falta de políticas activas por parte do PP, que pemitan construir futuro”. O voceiro municipal recordou que cando gobernaban os socialistas adicábanse tres millóns de euros a estas políticas activas de emprego. “Ó PP vaille moi ben con esta situación”, denunciou Vázquez Barquero tras recordar que iniciativa pública mediante proxectos que o PP quere pisotear, como a nova estación intermodal, son claves para vestir de futuro á provincia.

Tags: , , , , , , , , ,