“O NODO de Baltarnia”

 

Edit2

Rafael Rodríguez Villarino
Secretario Provincial do PSdeG-PSOE

Como o xeneralísimo acaparaba co NODO a atención dos sofridos súbditos, agora unha vice-júnior dos Kennedy (ou Vice-Jr. que se diría en USA) inunda as páxinas dun diario local da man do caudillo de Baltarnia (que é un Jr., neste caso de Baltar). Entre tanta ledicia dese mundo imaxinario, Miss Kennedy (ou a señorita Kathleenita que se diría por aquí) refrescou o seu espírito no camiño francés, fogueouno nas termas das Burgas, e ata viu -¡qué casualidade!- a un afamado grupo gravando, gorxa en berro, sobre as pedras dun mosteiro. Logo, ela e o seu cicerone Baltar lambiscaron nun castelo e na casa presidencial, rematando coa guinda das compras en Ourense: unha cidade accesible ¡ata para unha humilde vice-americana! E repetirase a experiencia este mesmo ano, iso se dixo (sen fondos públicos, espero).

Ata aquí a artificial e vacua crónica oficial. Atrás queda a realidade. Fóra das lindes de Baltarnia está Ourense. Unha provincia que o socialismo provincial convida a coñecer á benxamina actriz para que pregue por nós ante USA, Europa, a ONU e o sursuncorda antes de que desaparezamos do mapa. Un espazo que esmorece por mor da inacción do quen a guiou por Baltarnia, así como da súa rede clientelar. Un clan político que esmaga a provincia dende hai trinta anos e trafica electoralmente cos fondos públicos con desapego da súa inexorable agonía, mentres xera unha insoportable dor co insultante sorriso dos selfies e da ourensanía.

Ourense, a real, é líder estatal en envellecemento (e sitúase entre as máis envellecidas de Europa e do mundo), emigración e consumo de viño; amosa o peor PIB galego, e as pensións e as rendas máis baixas; conta con máis pensionistas que contribuíntes… carece de futuro para a mocidade e para os demáis, e non dispón de plans gobernamentais (de ningunha das administracións públicas). lsto é a provincia Auriense: un deserto á vista, ata de quen non o quere ver. A conta atrás hai tempo que comezou.

De feito, a goma xa borrou un montón de pobos dos que nin rastro queda. Como ela -Miss Kennedy- dixo que recuncaba este mesmo ano, algunha aldea quedará para vela antes de que sexamos un simple accidente sociodemográfico. Si, veciñas e veciños, conveciñas e conveciños, dentro duns anos (non moitos) haberá quen veña da meseta, do mar, de Lugo ou de Portugal, e lea nunha guía de viaxe ianqui: neste oco existiu un lugar que non era a Baltarnia visitada polos Kennedy, senón unha terra milenaria e esquecida que se chamaba Ourense.

Teñamos ou non teñamos visitas de Miss ou Mister Marshall, os socialistas amosamos a nosa máxima disposición para seguir a mesturarnos coa cidadanía, cos sindicatos, coas organizacións empresariais, e para ver, escoitar, planificar e construír, unha provincia realmente mellor, máis xusta e proveitosa para nós e para as seguintes xeracións. Para facelo contaremos coa xente desta provincia e coas axudas útiles e verdadeiras que se precisen.