Demandamos medidas reais para apoiar aos agricultores afectados pola seca, as xeadas e o pedrazo

28/09/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de presentar unha interpelación no seu Pleno para esixir “medidas reais” para que a Xunta apoie aos agricultores, afectados pola seca, as xeadas de abril e o pedrazo de agosto, sinaladamente da nosa provincia “epicentro do desastre agrario”.

Blanco, que compareceu cunha camiseta co lema “Zona Cero da sequía” que aos gandeiros non lles deixaron lucir no salón de Plenos, advertiu que o sindicato Unións Agrarias ten cifrado en máis de 14,5 millóns de euros as perdas para os viticultores derivadas das xeadas de abril e do pedrazo de agosto, mentres que o sector da castaña perdeu 1,5 millóns de euros polos mesmos fenómenos.

A compañeira denunciou que o goberno galego “ou descoñece ou lle da o mesmo” a situación destes profesionais, criticou que a Xunta limite a aprobación de axudas ás datas con eleccións autonómicas (como as de tipo directo aprobadas para a Ribeira Sacra en setembro de 2016), e reivindicou actuacións eficaces para salvar unhas explotacións que “corren o risco de arruinarse e desaparecer”.

Verbo da Conselleira, lembrou que non tivera “a intención de reunirse cos representantes dos gandeiros, agricultores e viticultores” máis alá de “facerse unha foto en Santiago con dous alcaldes da provincia anunciando axudas” para zonas determinadas alonxadas das máis afectadas, como O Ribeiro ou o oriente da provincia, e reclamoulle que “saia do seu despacho e se poña a traballar”.

E no tocante ás axudas para o fomento da contratación de seguros, a deputada afirmou que “son tan miserables que nalgúns casos non chegan nin a unha axuda de dous euros” (mentres a Xunta desbota aprobar liñas de crédito do IGAPE especiais para os afectados), e que están “lonxe de se-la solución” ao problema, mentres a banca non abra o crédito para estes profesionais, que “carecen de ingresos” suficientes para devolve-los préstamos, máxime tendo en conta o desastre que anticipa a seca.

Tags: , , , , , , , , , , , ,