Dez anos esperando por un novo centro de saúde no Pereiro

25/09/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reivindica-la construción dun novo Centro de Saúde en Pereiro de Aguiar, solicitado polo concello dende hai dez anos e comprometido polo presidente da Xunta dende o 17 de maio do 2016. Malia os anuncios, as obras continúan sen comezar.

Blanco acusou ao presidente da Xunta de “muda-los seus compromisos por enganos” na provincia, explicou que “os anuncios do PP para a construción do centro de saúde fixéronse sempre meses antes das eleccións autonómicas e municipais, sen que teñan posto nin unha soa pedra ata o momento”, lembrando que hai un convenio asinado entre o Sergas e o Concello dende o 1 de xullo de dito ano 2016. Ademáis, a Xunta dispón xa dun terreo cedido polo Concello, pero o proxecto continúa bloqueado a pesares de figurar nas memorias de orzamentos do 2016 e tamén do 2017.

Por iso a compañeira lle reclama a Feijóo “fixar, de forma inmediata, un calendario para o inicio, execución e remate das obras do novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar, así como asigna-las partidas orzamentarias correspondentes para que poidan ser levadas a cabo durante esta lexislatura”.

A deputada defendeu a urxencia do novo inmoble para un Concello en continuo crecemento que conta cun centro de saúde integrado no edificio da Casa Consistorial, o que impide a implantación de novas especialidades médicas necesarias, como Pediatría, Odontoloxía ou Fisioterapia, ademais de amosar “graves eivas de accesibilidade”, xa que nin ascensor hai.

Tags: , , , , , ,