Noela Blanco denuncia unha “complicidade escandalosa” entre Feijóo e Baltar Blanco para “manter unha rede clientelar impropia do século XXI” coas axudas da Deputación aos concellos

09/09/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de denuncia-la “complicidade escandalosa entre os gobernos de Feijóo e Baltar Blanco para manter unha rede clientelar impropia do século XXI” na Deputación. Blanco presentou unha pregunta parlamentaria denunciando que a institución provincial reparte os fondos para os concellos con criterios “clientelares”. “Basta de insultar e de faltarlle ao respecto aos alcaldes”, sinalou a deputada cando o goberno galego se negou onte a responder das prácticas da Deputación, a pesares de que esta última “trata á cidadanía como ‘de segunda’ e castiga aos que decidiron non votar ao PP”, nunha “mostra de sectarismo político”.

A compañeira apelou á “responsabilidade directa” da Xunta, por canto lle entrega fondos á Deputación e “mira para outro lado” no seu reparto, e destacou a proposta dos alcaldes da provincia, que veñen de reivindicar, diante da Deputación, un Plan Único que permita un reparto de investimentos con criterios de equidade e transparencia, criterios, xa que logo, “obxectivos, independentemente da cor política“, en lugar dos seis plans que o PP usa agora para reparti-los fondos con criterios clientelares.

Blanco lembrou que, mentres a Deputación de Lugo inclúe o 25% dos seus orzamentos para obras no Plan Único, a de Pontevedra o 27% e a de A Coruña o 43, a nosa “apenas chega ao 6%”, e advertiu de que hoxe, máis da metade dos fondos son repartidos con criterios subxectivos, poñendo como exemplo os casos de dous concellos da nosa provincia que rozan os 10 000 habitantes, no que o gobernado polo PP recibe 185 000€, e o que ten un alcalde socialista apenas 74 000, mentres que, cun Plan único, o primeiro recibiría 582 000, e o segundo 534 000.

Tags: , , , , , , , , , , , , , ,