A Conselleira de Agricultura non se reúne cos gandeiros e agricultores ourensáns afectados polas calamidades meteorolóxicas

06/09/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, criticou que a Conselleira do Medio Rural non se reunise “cos representantes dos gandeiros e agricultores ourensáns afectados polas graves condicións climatolóxicas”, amosando, ao “pasar de largo”, unha “escandalosa” “falla de diálogo” e “prepotencia co sector”.

Blanco vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas nas que lle reclama á Xunta axudas para os viticultores e gandeiros ourensáns que este ano tiveron que soportar a seca, as xeadas de abril, e o pedrazo do pasado 27 de agosto, que danou gravemente aos cultivos. As perdas dos viticultores, dacordo coas organizacións agrarias, poden supera-los 14 millóns de euros, nun ano no que, “en moitos casos non terán ningún ingreso, e si un incremento dos gastos de entre o 10 e o 15% para coidar a segunda brotación das vides”. En calquera caso, a situación esténdese ás producións de castaña, gandería de carne ou apicultura, tamén afectadas polas xeadas e a falla de chuvias.

Por iso a nosa deputada lle reclamou á Xunta que poña en marcha axudas directas para os viticultores, que inclúan:

- compensación polas perdas de produción previstas e permitan a recuperación no seguinte ciclo produtivo

- liñas de crédito do IGAPE para que as explotacións gandeiras e vitícolas poidan facer fronte aos gastos

- un plan urxente contra a seca consensuado coa FeGaMP e organziacións ecoloxistas e agrarias

- a intervención do Goberno central con bonificacións do 90% das cotas á Seguridade Social por parte dos viticultores e gandeiros afectados, a redución dos módulos de Facenda para os sectores afectados e a declaración de zona catastrófica nos núcleos máis afectados

En canto á atitude da Conselleira, a compañeira abundou reclamándolle que se esforce menos en “disparar dialecticamente contra tódolos que lle pedimos que faga o seu traballo”, e máis en “responsabilizarse da situación e acordar un plan con medidas concretas de axuda aos agricultores e gandeiros que ven o seu modo de vida en perigo”.

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , ,