Reclamaremos á Xunta no Parlamento que lle esixa á Deputación un reparto de fondos obxectivo

10/08/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, reclamarálle á Xunta, a través de varias iniciativas, que lle esixa á Deputación un reparto “obxectivo e responsábel” dos fondos aos concellos, e que estableza un plan único no vindeiro orzamento que teña en conta os criterios xa establecidos pola Federación Galega de Municipios e Provincias, como xa están a facer as outras tres deputacións galegas. “A Xunta está a ser cómplice dos criterios de sectarismo político que rexen no reparto de axudas da Deputación de Ourense”, critica a deputada, que reclama que as institucións dirixidas polo PP “non traten como cidadáns de segunda aos que non escolleron como alcalde ou alcaldesa a un membro do seu partido”.

A compañeira reclama que o devandito plan único se sitúe na fronteira dun terzo do total do orzamento, como sucede xa nas Deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e pide que o goberno de Feijóo lle esixa a Baltar Blanco que “suplemente no actual exercicio orzamentario as partidas adicadas a cooperación dos concellos, dotándoas dos recursos necesarios ata situalas nuns índices semellantes ao resto das deputacións galegas”.

Estas iniciativas parlamentarias, explica Blanco, son presentadas despois da negativa do PP, no pleno da Deputación de onte, a modifica-los criterios de reparto de axudas. Xa que logo, a compañeira reclama no Parlamento “unha intervención da Xunta en aras de protexe-los dereitos e as condicións de vida dos veciños de tódolos concellos de Ourense en igualdade”, xa que a actuación “sesgada e partidista” do goberno provincial ourensán supón “unha situación anómala e unha lamentábel excepción agora mesmo en Galicia”.

Tags: , , , , , , , , , , , , ,