O Concello de Vilardevós volta a perder unha subvención, desta vez básica na loita contra os incendios

03/08/2017
By

Os socialistas de Vilardevós denuncian que o goberno municipal voltou a perder unha subvención moi necesaria para os intereses do Concello. Desta volta, o desleixo municipal afecta á loita contra os incendios, lacra que verán tras verán asedia a zona de xeito moi especial, e, concretamente, non se dispón de condutor do tractor-desbrozadora ao non lIe ter solicitado a correspondente subvención á Deputación.

Interpelado polo Grupo Municipal Socialista no último pleno, o alcalde tivo que recoñecer que non pedira a axuda provincial porque, segundo el, a Deputación o usa para Iimpa-las cunetas das estradas provinciais. Porén, mentres o goberno municipal do PP acusa ao goberno provincial, do seu mesmo partido, de facer un mal uso dun recurso do Concello, a maleza segue a medrar nos camiños Vilardevós.

O voceiro socialista no concello, Julio Prada, denuncia que “mentres eles dirimen as súas diferenzas e o noso alcalde pasa de conseguir recursos vitais para o municipio, os veciños seguen sen o servizo por falta de cartos para contratar ao condutor, e hai moitas áreas sen limpar expostas a que prenda o lume nelas”.

O contrato que se derivaría da percepción da subvención suporía un posto de traballo de tres a catro meses de duración, que redundaría no beneficio de todo o concello, que contaría así cun servizo de maquinaria especializada para face-las rozas contra os incendios.

Asemade, o Concello de Vilardevós non foi quen de reunir este ano xente suficiente para conforma-la brigada anti-incendios que se contrata cunha subvención da Xunta, co que tiveron que publicar de novo as súas bases. Tal como denuncian os compañeiros: “metidos xa en agosto, non contamos nin con brigada nin con tractor para rozar: a desprotección fronte aos lumes é practicamente absoluta”.

Nestes intres, o Concello só conta, en materia de loita contra o lume, cunha subcontrata feita a través dunha empresa de construción, que só permite destinar a face-las rozas a dúas persoas usando desbrozadoras de man. Como resultado destas decisións, as rozas feitas hoxe por hoxe no municipio de Vilardevós, resultan claramente insuficientes.

A pesares de que o historial de perdas de subvencións por parte do goberno municipal de Vilardevós é notorio e crecente, non deixa de sorprender que nin sequera estean cómodos coas subvencións dos seus propios compañeiros do PP, de xeito que lle aquel lle pon pegas a todo, deixando aos veciños “a velas vir”. Así, ao desleixo habitual que fai perder axudas, tamén da Deputación, para actividades físico-deportivas, hai que suma-lo inflado das cantidades solicitadas, coa conseguinte perda das propias subvencións: non hai moito que se pediu unha axuda para facer un parque engomado, que custou máis do dobre que o mesmo tipo de parque no veciño Concello de Oímbra.

Os socialistas, xa que logo, denunciamos que a mala xestión e o desleixo, están a levar a unha perda progresiva de recursos para un concello precisado deles, ademais de servizos esenciais para o medio natural a e a seguridade das persoas.

Tags: , , , , , , , , ,