O PSdeG apoiará reclamacións ante a Fiscalía e a Valedora do Pobo para recuperar cirurxía pediátrica permanente en Ourense

01/08/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco preguntoulle en Pleno ao conselleiro de Sanidade polas previsións da Xunta para que o CHUO volte a ter un servizo de cirurxía pediátrica de xeito permanente. Despois de que o PP rexeitase unha iniciativa socialista neste senso no Parlamento, votou a favor no Concello de Ourense, o que supón “unha nova fraude á cidadanía” xa que “o alcalde de Ourense formaba parte do goberno da Xunta que eliminou” este servizo. “Estanse a rir da cidadanía, ultraxando as institucións e tomando o pelo aos ourensáns”, criticou Blanco, que lembrou que os nenos de Ourense “non son números, son persoas”; e anunciou que, xunto coa Plataforma pola Sanidade Pública, levarán esta reclamación ata a Fiscalía e a Valedora do Pobo, ante a falta de resposta da Xunta.

Blanco lembrou que, ata setembro do 2013, había tres cirurxiáns pediátricos para unha poboación de 30.000 nenos, e a partir dese momento, tras unha xubilación e un traslado, quedou un para toda a poboación. “Agora, os menores de Ourense que enferman e teñen que operarse fóra do horario que considera a Xunta, de luns a venres pola mañá, teñen que desprazarse ata Vigo”, denunciou. “Onde había un servizo, a Xunta creou un feixe de problemas”, resumiu.

A deputada afirmou que os nenos e nenas ourensáns xogan “en terceira rexional” con respecto aos d’A Coruña, por exemplo, que contan cun cirurxián cada 4.000 menores, e acusou á Xunta de castigar a Ourense e “poñela contra a parede” por ter un problema demográfico, en lugar de potencia-los servizos para fixar poboación. Tamén lle reprochou ao conselleiro que desprezase a unha referencia que, na súa intervención, fixo a nosa compañeira á necesidade de conciliar: “é preocupante escoitar ao conselleiro botar de lado o problema da conciliación; cando menos, disimule un pouco”, replicoulle.

Blanco destacou que hai pais e nais na nosa provincia que deben percorrer case douscentos quilómetros e facer fronte aos custos económicos do desprazamento, e que hai case cen nenos e nenas ourensáns esperando unha operación por este desleixo da Xunta.

Tags: , , , , , , , , , , ,