Os socialistas da cidade estudan emprender accións xudiciais en relación coa tramitación do proxecto de estación para o AVE

O pasado 31 de maio, o Grupo Municipal Socialista no Concello da cidade presentou catro alegacións relativas a tramitación do “Proxecto Integrador da Estación Intermodal de Ourense”, en cadansúa relación a:

- os sobrecustos das partidas de investimento para a adaptación da estación ferroviaria actual

- os sobrecustos das partidas de investimento da nova estación de autobuses

- as consecuencias xurídicas da recualificación de terreos da actual estación de autobuses para aproveitamentos lucrativos prevista no Proxecto Integrador

- o incumprimento, por parte do Ministerio de Fomento, do Protocolo asinado o 12 de abril do 2011 co Concello de Ourense para a integración do ferrocarril no seu territorio

Todas estas alegacións foron rexeitadas polo goberno municipal encabezado por Xesús Vázquez, claudicando novamente fronte os intereses do Ministerio de Fomento, do ADIF e, en definitiva, do PP.

Pero para os socialistas, ditas alegacións continúan a manter lexitimidade, sobre todo a partir da mobilización social que se está a desenvolver en contra do proxecto de estación intermodal imposto polo PP.

Ademáis, consideramos que o alcalde Xesús Vázquez asumiu lexitimamente competencias que son propias do Pleno do Concello, cando o 22 de xuño do 2016 asinou un Convenio-Marco de Colaboración co Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e ADIF, para o desenvolvemento dunha futura estación intermodal, convenio que é parte substantiva do Proxecto Integrador da Estación Intermodal de Ourense, pois dito acordo obrigaba ao Concello en compromisos urbanísticos e económicos para os que non está habilidado o alcalde, ao ser estas cuestións competencias exclusivas do Pleno.

Por todos estes motivos, o Grupo Municipal Socialista no Concello da cidade está a estudar accións xudiciais contra a tramitación do “Proxecto de Estación Intermodal” do AVE, co obxectivo de preservar os lexítimos intereses dos ourensáns.

Tags: , , , , , , , , , , ,