Reclamamos unha Comisión de Seguimento da ampliación do CHUO, coa participación da Xunta de Persoal

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de reclama-la posta en marcha dunha Comisión de Seguimento das obras de ampliación do CHUO que conte “coa participación da Xunta de Persoal”. Así o dixo nunha sesión de control á Xunta, na que censurou o “festival de datas” para a apertura comprometidas por Feijóo.

Blanco alertou contra unha “operación” semellante á do Hospital de Vigo, e subliñou que “non queremos ter que pagar 12€ por utiliza-lo aparcadoiro”, ou que pase “como no Hospital de Lugo, que cando hai un fenómeno tan estrano como a chuvia teñan que abri-los muros para desafogar”. Reclamou ademais que manteñan no CHUO a cociña co seu persoal e “non se limiten a poñer unha liña fría”.

Blanco criticou que o presidente da Xunta se enfronte ás campañas electorais “conxugando á perfección o verbo prometer” para que despois daquelas pase “a conxuga-lo verbo incumprir”, e cualificou de “esperpento” unha actuación que viu reducido o seu orzamento nun 28% entre a licitación e a execución, e que na que a mesma Xunta mesmo retrasa o recepcionamento “por problemas graves coa infraestrutura”.

Tags: , , , ,