O PP segue a apoiar a Rogelio Martínez

25/05/2017
By

Ao ex-super-delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, a Xustiza abriulle xuízo oral por uso fraudulento dos cartos dos fondos europeos “Leader II”, con presuntos delictos de malversación, fraude e falsidade documental. Pero o PP segue a apoialo, tamén dende a Xunta.

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco preguntou en comisión parlamentaria polas medidas que puxera en marcha a Xunta para controla-la xestión dos fondos públicos europeos por parte de Martínez. A compañeira cuestionou “onde estaba a Xunta” ante as continuas denuncias que os socialistas fomos facendo das irregularidades que podían estar rodeando á xestión de Martínez; e criticou que “fixese oídos xordos” e non controlase o uso deses fondos.

Pero Blanco tamén destacou que, a día de hoxe, a Xunta “segue a protexelo”, e preguntouse “¿Que lle debe o señor Feijóo a Rogelio Martínez? Debe se algo bastante gordo”, supuxo. A deputada lembrou que, na súa etapa como alcalde de Arnoia, Martínez presidía un grupo de acción local e certificou unha planta de biomasa e a compra dunha maquinaria que nunca existiu, cuns fondos “importantísimos para o desenvolvemento rural”, destacando que Martínez tiña “prácticas de sobra coñecidas de cacique á antiga usanza e despotismo non ilustrado”, como utilizar membros da escola da mancomunidade d’O Ribeiro para sementar e recolectar nos seus terreos particulares, ou a súa relación con enchufes de familiares de persoas do PP.

“Aínda así, Feijóo considerouno unha persoa apta para ser delegado da Xunta en Ourense a partir do 2009, xa imputado tres anos, porque era o alter ego de Feijóo na provincia de Ourense” na “loita de bandas” entre “gorras e birretes”, sendo “o que Ignacio González a Esperanza Aguirre”, explicou a compañeira. Tamén lembrou a emotiva despedida que lle brindou Alfonso Rueda en Ourense, e que, trala súa dimisión, foi incluído como suplente nas listas do Senado, ademais de ser nomeado presidente do PP en Arnoia o pasado 21 de xaneiro, e vocal da Cámara de Comercio o pasado 15 de febreiro.

“É vergoñento que sigan respaldando non só a Rogelio, senón tamén a ese grupo de acción local imputado de arriba a abaixo”. “Qué papelón acaba de facer hoxe”, lamentou Blanco ante as escusas do PP. “Soplar e sorber non pode ser”. “Non poden presumir de loitar contra a corrupción e á vez meter no abrigo a unha persoa corrupta”, asegurou Blanco, quen lembrou que o PSdeG tivo que acudir directamente á Xustiza porque a Xunta fixo caso omiso das súas denuncias en tódalas cámaras de representación. “Inhibíronse de poñer en coñecemento da Oficina Europea de Loita contra a Fraude estes feitos, e agora non só gardan silencio, senón que saen na súa defensa”, concluíu.

Tags: , , , , , , , , , , , , ,