Os compañeiros d´O Bolo denuncian que o alcalde usa maquinaría da Deputación para estender compost polos seus viñedos

03/05/2017
By

 

O alcalde aproveita a compostaxe provinte dunha limpeza de cunetas para aboar as súas cepas, axudado por un camión e unha pala da institución provincial

 Os socialistas reclaman que tamén mande retirar os escombros da obra municipal que se verteron na cuneta da estrada que vai aos Lentellais

WhatsApp Image 2017-05-02 at 14.02.56

 Ourense, 4 de maio de 2017. Segundo denuncian os socialistas, o Alcalde do Bolo, Manuel Corzo, segue a dar sobradas mostras do seu uso personalista do poder. Pese a que os e as veciños-as do Bolo xa están maís que acostumados aos seus desmáns, desta volta, parece superarse a si mesmo ao usar recursos de todos en beneficio propio. Tal como relata o portavoz do PSOE no concello, Juan Ferreira,”hai cousa de dous meses que o alcalde mandou limpar unhas cunetas nalgúns pobos, por suposto, os da súa escolla; para, a continuación, deixar a terra amontoada na propia cuneta. Co paso do tempo, esta terra retirada, chea de nutrientes, converteuse en compostaxe natural”. Pese a que este feito xa é suficientemente escandaloso, posto que non se remata o comezado e, ademais, faise unha limpeza selectiva; o que veu despois raia o esperpento. Unha vez que a calidade da compostaxe era a desexada, unha pala e un camión da Deputación de Ourense, chegaron para recoller e cargar esta terra e levala cara a unhas propiedades do propio alcalde do Bolo. Máis tarde, os socialistas puideron comprobar, con total asombro, como a mesma pala procedeu a estender a compostaxe, con sumo coidado, entre os viñedos propiedade de Manuel Corzo.

É dicir, o rexedor do municipio, coa connivencia da institución provincial, emprega recursos de todos e todas para aproveitar restos dunha limpeza selectiva e mellorar os seus propios cultivos. O alcalde imputado nin sequera agochou as súas intencións e procedeu co “aproveitamento” á vista de calquera, tal o testemuñan as imaxes. Á restra de feitos denunciables e de dubidosa ética política cos que Manuel Corzo adorna a súa xestión, hai que sumar este uso impropio dos recursos provinciais para o que fixo gala dunha boa previsión en beneficio das súas cepas.

Sen embargo, o alcalde ten conciencia medioambiental cando se trata das súas propiedades pero non estende este pensamento verde á súa xestión pública. Nestes días estase a facer unha obra no centro do Bolo  e os escombros de dita intervención estanse vertendo na marxe dereita da estrada que une O Bolo co cruce dos Lentellais. Todo isto, segundo denuncian dende o PSOE, conta co permiso expreso de Manuel Corzo, aínda alcalde do municipio, quen está a converter un bo tramo de estrada nunha escombreira. Tal como indica Juan Ferreira: “agardamos que nese afán que ten o sr. Alcalde por aproveitar todos os residuos, teña a ben, tamén, levar para os seus viñedos ou para as súas propiedades, todo o lixo que alí se está depositando e non teñamos que tratar del entre todos os veciños”.

Os socialistas que xa van varias veces que se denuncia publicamente o pouco apego do alcalde polo ben común, destacando a súa negativa a arranxar o saneamento e acabar cun verquido, por unha manifesta animadversión cara aos veciños dese barrio. É de sobra coñecido como desgoberna o alcalde popular do Bolo, a golpe de preferencias e intereses persoais .

 

Tags: , , , , , , , , ,