Os socialistas d’O Bolo lamentan que a Festa da Vitela non sirva para a promoción do traballo dos produtores de carne, e consideran que, tendo en conta o desleixo do alcalde na xestión de servizos aos veciños, dita “paparota” constitúe un dispendio que agrava a “calamitosa” situación económica do Concello

17/04/2017
By

Ademáis, os compañeiros sumaranse aos doutros concellos da provincia ao propoñeren ao pleno do seu Concello o establecemento dunha taxa ás empresas enerxéticas, o que contribuiría a mellorar ditas contas municipais

Como vén sendo habitual no Concello do Bolo, a celebración dunha nova edición da Festa da Vitela xera polémica polo dispendio que realiza o goberno do señor Corzo, en detrimento dos numerosos servizos que ten sen atender no municipio. Os socialistas, como veñen denunciando dende hai anos, lembran que esta festa está mal enfocada, sen que haxa unha proxección do labor que realizan os produtores de carne da zona e só se fai un festín que serve para maior gloria do alcalde e dos seus convidados. A pesar da fixación dun prezo público, o Grupo Municipal Socialista do Bolo ten demostrado, con datos obxectivos, o buraco negro que supón para as arcas municipais a fastuosa celebración deste evento nos termos nos que se realiza actualmente. O equipo de goberno do PP, con Manuel Corzo á cabeza, “está máis preocupado por quedar ben cos seus convidados ilustres que por atender servizos moi necesarios para os veciños e veciñas do Bolo”. O portavoz socialista no municipio, Juan Ferreira, considera que “mentres estas persoas celebran unha paparota por todo o alto, o pobo ten as fosas sépticas sen saneamento, cun alcalde que se desentende e despreza as demandas dos veciños e veciñas. A situación de desleixo e mala xestión é indignante e só lle dan pulo a proxectos que producen un desaxuste nas contas”.

Tendo en conta a calamitosa situación económica na que está o concello, o propio sería que o PP se preocupase por “procurar novas fontes de financiamento no canto de promocionar dispendios a conta dos cartos de todos e todas”. Xa que Manuel Corzo e o seu equipo son incapaces de xerar novos ingresos cos que atender todos os servizos, son os socialistas quen propoñen novas medidas que permitan aumentar a recadación.

O Grupo Municipal Socialista vén de presentar unha moción para que se estableza unha ordenanza reguladora da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público local, por parte das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos. A iniciativa, que foi lanzada polo Partido Socialista a nivel provincial, parte das recentes sentenzas do Tribunal Supremo que afectan á situación das empresas que xestionan as redes de transporte de electricidade, gas, auga e hidrocarburo. Dado o especial aproveitamento que estas compañías fan, no que hai un afán de lucro polo servizo que ofertan, o Tribunal Supremo veu a ratificar o dereito das entidades locais a gravar o uso dun espazo que é de dominio público.

Tendo en conta, ademais, a situación de crise no financiamento dos concellos e a especial atención que deben por para cumprir co seu teito de gasto, a opción de establecer taxas a estas compañías, resulta de interese á hora de captar ingresos locais. Neste senso, os socialistas do Bolo instan ao equipo de goberno para que adopte esta medida e aumente a súa capacidade recadatoria. A este respecto, o portavoz socialista no Bolo, Juan Ferreira, afirma que “esperamos que o alcalde considere esta opción, a pesares da súa animadversión a todo o que veña dos socialistas, e pense no ben común por riba do seu propio interese ou o do seu partido. O establecemento dunha ordenanza reguladora destas taxas dirixidas a unhas empresas que reciben un claro beneficio polo uso dese dominio público, revertería no beneficio de todos os veciños e veciñas que, a día de hoxe, reciben uns servizos municipais deficitarios ou a súa ausencia”.

 

 

Tags: , , , , , , , , , , , ,