O PSdeG-PSOE d´O Bolo denuncia a desidia do alcalde do PP á hora de manter en óptimas condicións as vivendas de alugueiro social propiedade do concello

07/04/2017
By

O goberno do PP négase a manter as vivendas nunhas condicións dignas pese a contar con 23.000 euros nos orzamentos anuais para este propósito

 Os socialistas fanse eco das constantes queixas veciñais e van demandar información actualizada sobre a situación dos pisos no vindeiro pleno municipal

 

Ourense, 5 de abril de 2017. O Grupo Municipal Socialista no concello de O Bolo quere denunciar unha nova deixadez de funcións do goberno presidido polo popular Manuel Corzo. Nesta ocasión, os socialistas, fanse eco das queixas veciñais a respecto das vivendas de alugueiro social de titularidade municipal e, polo tanto, responsabilidade do concello. Os veciños e veciñas destas catro vivendas teñen que padecer a falta absoluta de mantemento e remodelación dos seus pisos mentres observan como os cartos destinados a patrimonio municipal nunca se emprega para mellorar as súas condicións. Juan Ferreira, portavoz socialista no Bolo, así o afirma: “Cada ano, o concello, destina uns 23.000 euros nos orzamentos municipais ao mantemento das propiedades de titularidade municipal (entre elas o castelo e varias vivendas) e levamos tempo observando que nunca se usan para mellorar, remodelar e manter estas vivendas de alugueiro social. Os veciños están abandonados á súa sorte”.

O deplorable estado destes pisos é doado de comprobar, denuncian dende o PSOE, sendo habituais os desconchóns en portas e paredes, a falta dunha man de pintura, as tubaxes á vista e sen rematar e instalacións obsoletas. A situación fai que vivir nestas vivendas sexa unha tarefa ardua, á que hai que sumar os numerosos meses que tiveron que agardar a que se baleirase o faiado e se procedera á súa limpeza. Para os veciños e veciñas non cabe dúbida que é, unicamente, responsabilidade do concello do Bolo e do seu alcalde termar destas vivendas e manter unhas mínimas condicións de habitabilidade que, hoxe por hoxe, non existen.

Fartos de agardar por un mantemento que nunca chega, tanto no que respecta á pintura como ás propias instalacións eléctricas, varios destes veciños e veciñas puxéronse en contacto con Juan Ferreira para amosar a súa preocupación e pedirlle que puxera o caso en coñecemento da opinión pública co obxectivo de que o alcalde faga caso das súas demandas.

Pola súa banda, o PSOE pretende preguntar no vindeiro pleno pola situación actual destas vivendas que foron postas en marcha, no seu día, para uso de diversos funcionarios e que hoxe serven para darlle unha solución habitacional a persoas con rendas baixas.  O PSOE esíxelle ao goberno do PP que deixe de facer da mala xestión a súa sinal de identidade e atenda ás súas responsabilidades. Para este vindeiro exercicio, recalcan os socialistas, debería consignarse unha partida específica para atender o mantemento destas vivendas ou, alomenos, empregar parte dos 23.000 euros e procurar que a xente teña unhas condicións de vida dignas.

Tags: , , , , , , , , , ,