A oposición de Xinzo esíxelle unanimemente ao alcalde que se posicione en contra da tala indiscriminada de árbores na Avenida de Celanova

05/04/2017
By

O PSdeG-PSOE, o grupo mixto-BNG e Xinzo Adiante (XA) veñen de rexistrar unha moción para que o goberno local rectifique un proxecto que contempla a destrucción de 56 árbores

A voceira e deputada socialista, Elvira Lama, recalca que a remodelación da avenida non é incompatible coa protección medioambiental e patrimonial do entorno

REGISTRO MOCION CONJUNTA XINZO

 Ourense, 4 de abril de 2017. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia vén de rexistrar un moción conxunta, cos grupos municipais de Xinzo Adiante (XA) e o BNG, na que lle esixen ao grupo de goberno que se posicione en contra da tala indiscriminada de árbores prevista na reforma da avenida de Celanova. Debido á alarma social xerada, da que xa se fixeron eco os socialistas hai días, os grupos da oposición presentan esta iniciativa destinada a rectificar o que consideran unha “agresión medioambiental sen precedentes”. No texto da iniciativa sinalan que o proxecto de remodelación da consellería contempla a tala de 56 árbores, o que “a todas luces supón un atentado contra o que chamamos humanización do entorno e contra o patrimonio común”.

portavoz socialista no pleno municipal de Xinzo, Elvira Lama, asegura que “non se trata de paralizar a remodelación da avenida, xa que non estamos en contra de que se acometa esta reforma, moi necesaria, e que se dote á vía de mellores servizos de abastecemento, saneamento, beirarrúas e unha nova pavimentación, pero si que nos opoñemos a que a obra se a faga a costa do noso medio natural mais señeiro”. Como sinala a moción, o proxecto de remodelación non ten porque contemplar a tala indiscriminada dunhas árbores que serven de barreira acústica, de filtros do ar contaminado e de barreira de seguridade natural. Os grupos da oposición esixen que “se rectifique nesta proposta e se contemple unha reforma da avenida sen acabar coa herdanza dos devanceiros”. “As árbores da avenida de Celanova foron prantadas para perdurar no tempo e non se atopa xustificación a rematar con esa planificación despois de case un século”, recordan.

As agresións ao medio ambiente son sempre inxustificadas pero no caso de Xinzo acada unhas “dimensións tráxicas”, posto que se trata dun concello devastado forestalmente pola concentración parcelaria ao redor da vila. Sendo conscientes desta situación, dende o PSdeG-PSOE non entenden como o goberno do PP acepta, sen cuestionar, un proxecto necesario que, sen embargo, plantexado así “atenta contra os intereses do pobo”. Por todo isto, os grupos da oposición esíxenlle unánimemente ó alcalde que faga uso da responsabilidade adquirida e “inicie as accións oportunas para que a consellería reforme o proxecto de mellora e acondicionamento da avenida, mantendo as árbores tal e como se atopan na actualidade”.

Os socialistas consideran que todos os grupos políticos lle deben, cando menos, “respecto e compromiso polo entorno” e, sobre todo, “garantir o dereito dos veciños e veciñas de Xinzo a contar cuns servizos humanizados e sostibles”. Sinalan a grande “incongruencia” do goberno de Xinzo xa que asina plans de concello sostible e, o mesmo tempo, é incapaz de frear un auténtico arborecidio. “O goberno presidido por Antonio Pérez ten a oportunidade de rectificar no vindeiro pleno do 27 de abril, mesmo antes, nas comisións que deben informar sobre a cuestión”, aseguran os socialistas de Xinzo. Elvira Lama recorda que “de non ser pola mobilización popular e polo noso labor á hora de solicitar o  polémico proxecto, estou convencida de que o alcalde e o seu equipo seguirían adiante con este atentado medioambiental, sen estudar posibles alternativas. Agora cómpre ver de lado de quen están, ou da veciñanza ou do que lles ordenan dende a Xunta”.

 

 

Tags: , , , , , , , , ,