O PSOE de Piñor denuncia a traizón á veciñanza que supón a aprobación da cesión dos servizos sociais á Mancomunidade

23/03/2017
By

Os socialistas advirten que este desmantelamento perpetrado polos dous alcaldes supón unha merma na calidade dos servizos que vai recibir a xente  e nun sobrecusto para as arcas municipais 

Francisco Fraga instou a Uxío Rodríguez  a que se abstivera na votación para non sementar dúbidas éticas ó darse o caso de que a súa propia filla vén de ser contratada pola Mancomunidade

 WhatsApp Image 2017-03-21 at 20.03.54 (1)

 

Piñor, 22 de marzo de 2017. Consumada a traizón dos gobernantes ó Concello de Piñor. Iso é o que pasou onte durante a celebración do pleno no que se aprobou a cesión dos servizos sociais á mancomunidade. Os socialistas denuncian que o goberno local bipartito se está a desfacer de servizos que custou moito por en marcha por parte do goberno do PSOE e que eran servizos de cercanía moi ben valorados pola veciñanza.

Dende o Grupo Municipal Socialista xa levan días alertando, mediante unha campaña informativa e unha recollida de sinaturas, que co tempo todos os veciños e veciñas irán notando a merma neses servizos agora mancomunados. Como exemplo deste desmantelamento e perda de autonomía municipal, os socialistas destacan o feito de que a traballadora social xa non vai coordinar o servizo de axuda no fogar dende o concello, senón que pasa a facerse dende O Carballiño. Para o PSOE este traspaso só é o comezo dunha cesión sen sentido que leva por diante o traballo e a atención no territorio, de cercanía e achegado ás necesidades dos veciños. Ata o de agora, a coordinación da asistencia a domicilio facíase dende Piñor, dando grandes resultados.

Ademais, tal como explicaron onte os socialistas, a día de hoxe, a mancomunidade non presta moitos dos servizos sociais que se ofrecían en Piñor: o programa de conciliación “Familias Tardías”; o servizo de intervención psicolóxica; a actividade de alfabetización; a tramitación de bolsas; o servizo de xantar na casa e fisioterapia a domicilio, entre outros. Estes servizos, moitos deles, foron pioneiros na contorna e, pouco a pouco, van se deixar de prestar, algo que vai sufrir a veciñanza.

Francisco José Fraga, Portavoz socialista no Concello de Piñor, xa advertiu: “Ao adherirse á mancomunidade, Piñor terá que asumir e facerse cargo de numerosos gastos tanto ao mancomunar o tractor-desbrozadora coma os servizos sociais. Para comezar xa hai que sufragar outros gastos de persoal, moitos deles da propia mancomunidade e que supoñen un desembolso adicional de 14.000 euros ó ano a costa dos recursos dos veciños”. Así pois, grazas a esta manobra dos dous alcaldes, Piñor vai ter que contribuír ao mantemento e sostén da mancomunidade, a cambio de recibir peores servizos.

O Partido Socialista esixiulle ós dous alcaldes que se puxeran a gobernar e que parasen de acometer esta desfeita do Concello de Piñor. “Comezaron por desfacerse do velorio, despois veu a recadación da auga cedida á deputación e agora ceden o tractor-desbrozadora e os servizos sociais á mancomunidade. Xa só lles queda pechar o concello, que será o seguinte. Non van ser quen de explicar á xente nin a perda de calidade nos servizos nin o sobrecusto que supón este desmantelamento”, sinalou Fraga Civeira.

Os socialistas pregúntanse se foi este o modelo de concello que os dous alcaldes asociados, do PP e de Veciños de Piñor, lle foron prometendo á xente durante a campaña electoral. Se lles foron dicindo á cara que ían desmantelar o Concello de Piñor.

Como remate a tamaño despropósito, o portavoz socialista tivo que instar ó Tenente-Alcalde, Uxío Rodríguez para que, en virtude dos principios éticos que lle esixe ós demais, se abstivese de votar neste punto da cesión, toda vez que a súa propia filla entrou a traballar na mancomunidade. Déuselle esta oportunidade para non dar pé á sospeitas fundadas de que, detrás desta cesión de servizos e de retorno á Mancomunidade, hai certos intereses persoais.

 

Tags: , , , , , , , , , , ,