A Xunta desbota por escrito crear unha unidade de ictus en Ourense

20/03/2017
By

A nosa deputada no Parlamento de Galicia Noela Blanco, denunciou hoxe que a Xunta vén de confirmar por escrito a súa renuncia a crear unha Unidade de Ictus no CHUO. Así o confirmou o propio goberno galego nunha resposta remitida á compañeira.

Blanco reclamáballe á Xunta a creación de dita unidade, ao que a Xunta responde literalmente que “conta cos recursos necesarios para diagnosticar e trata-los ictus, e derivar aos pacientes a outro nivel asistencial cando o precisen”. A deputada socialista sinala que se trata “dunha mostra máis do desprezo pola saúde dos ourensáns e un agravio comparativo para esta provincia”, e lamenta que a Xunta “non só non entende o que supón a sanidade pública, senón que fai todo o posible por desmantelala”, reducindo as prestacións e negándolle a boa parte da poboación da que é responsábel, un servizo sanitario de calidade.

A deputada lembra que Ourense carece de radioterapia e hemodinámica vintecatro horas, vén de perder o servizo de Cirurxía Pediátrica e sofre colapsos sanitarios crónicos sen que fagan nada por remedialo; e que en Galicia existen na actualidade dúas Unidades Específicas de Ictus, en Vigo e Santiago, e estase formando unha nova para A Coruña, malia que Ourense sexa unha zona cun alto índice de patoloxía cerebrovascular. Este último feito, unido a que o trinta por cento dos ourensáns superan os sesenta e cinco anos, fai que Ourense, en palabras da compañeira “necesite unha unidade que está demostrado que diminúe a morbilidade e mellora a calidade de vida dos afectados por estas patoloxías”.

Tags: , , , , ,