O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia reclama un estudo paisaxístico integral do parque do Toural no que o PP pretende facer unha gran tala de árbores

17/03/2017
By

Os socialistas queren este documento despois de saber que o grupo de goberno local do PP vai talar árbores e arrincar arbustos nunha das marxes do parque

Elvira Lama denuncia a incompetencia do goberno ó non contar co asesoramento axeitado para acometer este tipo de intervencións nun concello falto de espazos verdes

Ourense, 17 de marzo de 2017. Un estudio concreto e detallado que delimite as necesidades do parque do Toural. Iso é o que reclama voceira dos socialistas no Concello de Xinzo de Limia, Elvira Lama, ó goberno de Antonio Pérez. “Queremos que se faga un estudo paisaxístico integral do parque do Toural, de cara a substituír as  15 árbores mencionadas nos informes, así como os arbustos rastreiros que medran nas marxes”, explica Lama. Dende hai meses a intención do goberno local de Xinzo é talar as árbores da marxe da rúa Alexandre Bóveda, por perigo de caída, así como levantar as especies que están a xusto na beirarrúa; unha decisión que non comparten os socialistas, xa que non se comprende a tala de árbores nunha vila con poucos espazos verdes como unha boa solución.

Dende o PSdeG-PSOE indican que pediron ó alcalde un estudo por parte dos especialistas na materia, como poden ser enxeñeiros forestais. Nembargante, a resposta foi un escueto informe da Deputación provincial, confirmando a decisión do alcalde. No mesmo escrito solicitaron o aproveitamento das especies que decidan retirar e que se poidan plantar noutros espazos públicos, noutros lugares e pequenos parques de titularidade pública, tanto da vila como dos pobos.

O grupo Municipal Socialista de Xinzo de Limia cre que a mellor forma de acometer reformas deste tipo nun parque é pedir asesoramento en temas forestais e de xardinería, pois somentes uns especialistas axeitados poderán deseñar o que se debe ou non substituír e as especies mais axeitadas a longo prazo. “Un parque non pode ser deseñado a base de parches ou de ideas ocorrentes do concelleiro de turno, que na maioría dos casos non sabe do tema porque non é a súa profesión” afirma Lama.

Os espazos públicos merecen, segundo os socialistas, “un trato exemplar por parte dos responsables do concello, trato que non se esta a dar en ningún dos parques de Xinzo, por moitos remendos e parches que lle queiran botar”.

 

Tags: , , , , , , , ,