A Dirección Provincial do PSdeG-PSOE fai un chamamento á cidadanía para que participe na manifestación en defensa da sanidade pública na comarca de Monterrei

16/03/2017
By

Raúl Fernandez anima aos cargos públicos e orgánicos e aos militantes para que apoien coa súa prensenza as reivindicacións da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, o vindeiro sábado

Os socialistas amosan a súa preocupación polos recortes, reducións de persoal e na atención que está a sufrir a importante área sanitaria do hospital de Verín

 Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Comarca de Monterrei 

Ourense, 16 de marzo de 2017. A dirección provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, en nome do seuSecretario Xeral, Raúl Fernández, quere manifestar o total apoio da organización á manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei prevista para o vindeiro sábado en Verín. Do mesmo xeito, Raúl Fernández, fai un chamamento a todos os cargos públicos e orgánicos do Partido Socialista na zona para que acudan á mobilización en defensa da calidade da atención sanitaria na comarca de Monterrei. Lembra que xa foron varios os compañeiros que se pronunciaron nos distintos Plenos dos concellos da bisbarra para reclamar unha sanidade totalmente pública, gratuíta, digna e de calidade para os veciños e veciñas da área sanitaria de Verín.

Os socialistas ourensáns queren facer súas as reivindicacións da Plataforma, en sintonía co que sempre defenderon, e amosan moita preocupación ante a redución de efectivos no servizo de medicina interna e no persoal nos centros de saúde da comarca. Así mesmo, consideran que a plataforma fai unha esixencia máis que xusta ao reclamar o servizo de pediatría hospitalaria para a unidade paritorio. Como é ben sabido, o hospital comarcal de Verín, dependente da Xestión Integrada de Ourense, non só atende aos  veciños da comarca de Monterrei  senón que supón o centro de referencia, para algunhas especialidades, para outros municipios, coma os da veciña comarca de Xinzo, por exemplo.

Garantir a calidade do servizo é algo prioritario e fundamental para os socialistas da provincia que non están dispostos a permitir as derivacións de pacientes a centros privados que se están a producir.

Por outra banda, o Secretario Xeral quere destacar que os problemas que se viven na comarca de Monterrei, son comúns ao que está a pasar no resto da provincia e do país, onde os recortes dos gobernos do PP están deixando o seu sentir, por exemplo, nos atrasos incomprensibles nas listas de agarda para as cirurxía.

Se ben, dende o PSOE, sempre se defenderon os servizos públicos, no caso da sanidade, pódese afirmar que se trata dun caso de extrema prioridade posto que se está a xogar coa saúde de todas e todos. Por todo isto, dende o PSdeG-PSOE de Ourense consideran fundamental que o vindeiro sábado, ás 18:30 horas, na praza do Concello de Verín, se sumen todas e todos aqueles que defenden unha sanidade pública de calidade.

Tags: , , , , , , , ,