O PSOE de Ramirás agradece aos veciños a unión amosada para deter as intencións de “ABanca” de pechar a oficina de Villavidal

15/03/2017
By

Isabel Gil, Portavoz socialista, está segura que só a presión veciñal puido acadar que se manteñan as condicións de apertura actuais

Os socialistas denuncian a actitude escurantista do Alcalde, quen se apresou a desconvocar a mobilización prevista pese a non ter a confirmación por escrito dos directivos da entidade

 

Ourense, 14 de marzo de 2017. Dende o PSOE de Ramirás consideran que o escurantismo co que o alcalde está a levar toda a cuestión da redución de atención ó público da oficina de “ABanca”, indica que xa tiña acordado ceder nas condicións de apertura. Co remate, onte pola mañá, dunha nova xuntanza con directivos da entidade bancaria, quedou máis en evidencia, se cabe, a pouca gana do alcalde de estar xunto ao seu pobo reivindicando o mantemento do servizo. Tal como relata a Portavoz socialista en Ramirás, Isabel Gil, a pesares de que nesa reunión non se adquiriu un compromiso firme, xa que quedou pendente de confirmar por escrito por parte dos directivos do banco; ó alcalde faltoulle tempo para desconvocar a manifestación prevista. O que se deduce de toda a actitude amosada polo alcalde popular de Ramirás é que non ten a valentía suficiente para defender, pase o que pase, os intereses dos veciños e veciñas do concello que preside.

A falta de información e transparencia por parte deste goberno é tanta que os representantes socialistas se tiveron que enterar por outras fontes, da desmobilización, antes de que o Alcalde dese a cara. Todo apunta a que as boas intencións de actuar conxuntamente neste tema de defensa dun servizo fundamental para a cidadanía, quedaron en nada. Tal como lembra Isabel Gil, “Xa dende o inicio do problema tivemos a sospeita de que o Alcalde prefería que nada se soubese e negociar el cos do banco e ceder sen que houbese mobilización cidadá. Canto menos ruído mellor para non ter que dar a cara polo pobo que goberna” . Sen embargo, as circunstancias foron desfavorables para o rexedor posto que os socialistas lideraron a iniciativa de rexeitamento do peche que pretendía “ABanca” e non tivo máis remedio que unirse para non quedar mal. Tanto Pleno Extraordinario coma as medidas de presión acordadas foron iniciativa do PSOE de Ramirás e non van claudicar ante o que pode ser unha tentativa de acalar a protesta dos veciños e veciñas.

Polo momento, os socialistas queren agradecerlle a todas as veciñas e veciños do concello, aos mozos que fixeron súa a protesta en redes sociais e a todas as persoas que se mobilizaron, todo o esforzo realizado posto que están seguros de que a entidade bancaria non desistiría da súa intención de peche senón fose pola presión cidadá. De momento, dende o PSOE indican que só teñen a confirmación de que se vai manter o servizo tal cal está (5 días á semana e unha tarde) ata dentro de 3 ou 4 meses, que se van reunir de novo para avaliar a situación. Esta medida provisional fai pensar que as intencións da entidade bancaria non mudaron pero que, polo momento, non van levar adiante a redución ou peche da oficina de Villavidal. Por isto, dende o Grupo Municipal Socialista de Ramirás anuncian que van estar vixiantes e á expectativa do que aconteza nos vindeiros meses, fiscalizando a cuestión e asegurándose que non hai a máis mínima modificación no acordado. Os socialistas queren deixar claro que non van escatimar en accións se ao final, dende a entidade bancaria, non cumpren coa súa palabra.

Para o PSOE de Ramirás e para a súa Portavoz esta cuestión é fundamental por varias razóns, non só pola estrutura poboacional do concello, avellentado e rural, senón pola supervivencia dos negocios e empresas do municipio e o desenvolvemento económico presente e futuro de Ramirás. Por outra banda, Isabel Gil tamén quere sinalar que o Bloque, terceira forza política na Corporación, non pode ser cómplice de quen queira acalar a cuestión, é dicir, do Alcalde, quen goberna en minoría. É fundamental que o socio nacionalista de goberno do PP en Ramirás, que tanto din defender os servizos no rural galego, tomen parte polos intereses do pobo que os escolleu como representantes.

Para finalizar, Gil, quen tamén é deputada provincial pola comarca, quere que Baltar non agoche a cabeza ante esta problemática xa que se supón que é a súa obriga defender os servizos no rural dos concellos aos que ten que prestar asistencia e axuda. Tal como está configurada a provincia, coa existencia de numerosos concellos pequenos e eminentemente rurais, a existencia da institución provincial só se xustifica se destina parte do seu cuantioso orzamento a asistir, apoiar e axudar a estas entidades, defendendo a pervivencia dos servizos públicos que se prestan á cidadanía.

Tags: , , , , , , , , , , ,