O PSdeG-PSOE de Ourense mantén un encontro coa Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia para traballar na mellora do servizo na provincia

15/03/2017
By

Ourense sería a única provincia do Estado cos seus bombeiros privatizados se prospera o rescate da xestión no que traballan as outras tres deputacións de Galicia

Os socialistas, que xa defenderon a xestión pública dos parques do consorcio provincial, insisten en mellorar os servizos prestados e as condicións dos traballadores

REUNION FRANCISCO FRAGA MESA INTERSINDICAL BOMBEIROS

 

Ourense, 14 de marzo de 2017. O voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense, Francisco Fraga,mantivo un encontro con Xabier Villar, Álvaro Negreira e Óscar Rodríguez, representantes da mesa intersindical de bombeiros de Galicia, co fin de traballar conxuntamente para mellorar o servizo que prestan os catro parques comarcais da provincia.

Os representantes dos bombeiros galegos expuxeron as súas principais demandas e alertaron dos riscos da xestión privada deste servizo. De feito, dende a mesa intersindical están a traballar coas deputación da Coruña, Lugo e Pontevedra para rescatar as concesión dos seus parques comarcais a medio prazo. Un informe xurídico conxunto avalou o proceso para ese rescate e, actualmente, tamén están elaborando un informe económico que concretará os custes e beneficios exactos do proceso.

Os socialistas de Ourense esperan que a Xunta de Galicia non poña trabas. Mentres, a Deputación Provincial permanece totalmente descolgada deste proceso de rescate aludindo a informes –ninguén os viu– que, supostamente, botan por terra o cambio no modelo de xestión dos parques da provincia. Sen embargo, dende o colectivo de bombeiros recordan con contundencia que a xestión pública suporá un aforro medio duns 100.000 euros o ano por parque (de media teñen un custe anual de entre 800.000 e 900.000 euros); uns cartos que poderían ser destinados posteriormente a mellorar a servizo que se presta ós veciños e veciñas.

O PSdeG-PSOE da Deputación xa aludiu en numerosas ocasións o informe comparativo dos parques do Deza (xestión pública) e Valdeorras (xestión privada) elaborado en 2015. Ese extenso documento conclúe que o parque dezano ten un custe medio anual duns 125.000 euros menos que o parque de Valdeorras, prestando exactamente os mesmos servizos co mesmo persoal e idénticas instalacións. Entre os problemas derivados da xestión privada, os bombeiros galegos denuncian persoal insuficiente, condicións laborais precarias, carencia de condición de autoridade e, sobre todo, a falta de coordinación entre os distintos corpos de emerxencias. De feito, se os parques das comarcas se integran na xestión pública, os efectivos traballarán baixo o mesmo protocolo e cos mesmos sistemas de intercomunicación.

Francisco Fraga asegura que “as consecuencias negativas da xestión privada no consorcio provincial de Ourense acabamos de velas na selección de persoal para o parque do Carballiño”. “O proceso selectivo foron unhas probas baixo a apariencia de igualdade e publicidade que logo foron obxecto de múltiples queixas polo seu escurantismo e supostos casos de enchufismo”, advirte.

Os socialistas da Deputación levan tempo traballando na fiscalización do servizo de bombeiros que se presta fora da capital da provincia e, trala reunión coa mesa intersindical, tamén porán o foco “nos posibles incumprimentos da empresa á que foi adxudicada a xestión e no cambio de modelo de xestión dun servizo e un persoal que deberían ser integramente públicos”. Na actualidade, Galicia é a única comunidade que ten privatizado este servizo de emerxencias e se as outras tres deputacións galegas reverten a situación dos seus parques, Ourense pasaría a ser a única provincia do Estado cos seus bombeiros controlados por unha empresa privada.

Tags: , , , , , , , , , , , , , ,