O PSOE denuncia o desmantelamento do Concello de Piñor

14/03/2017
By

Os socialistas coidan que o traspaso de servizos á Mancomunidade parece indicar unha posible cadea de favores

Piñor, 13 de marzo de 2016. Dende hai dous anos, o Concello de Piñor, ten a sorte de contar con dous alcaldes, sen embargo, o que a priori podería ser unha vantaxe, está a converterse na súa desgraza. Despois de privatizar o velorio, encarecendo o que pagan os usuarios, de ceder a recadación da auga á Deputación; o goberno bipartito de Piñor quere desfacerse dos servizos sociais e pasarllos á Mancomunidade. Dende o Grupo Municipal Socialista asisten estupefactos a como todo o traballo conseguido durante anos, todos os servizos municipais de alta calidade que se estaban a prestar ós veciños e veciñas, son desmantelados, un tras outro.

O que o Alcalde e o Tenente-Alcalde queren facer pasar coma aforro e eficiencia económica non é máis que non ter ganas de traballar nin de asumir as propias responsabilidades. Namentres noutros concellos, varios do PP, se queixan do caros que saen os servizos mancomunados e por iso se foron da Mancomunidade, o de Piñor quere retroceder no tempo e desentenderse das competencias propias. Dende o PSOE de Piñor pregúntanse a que se vai dedicar un Alcalde que prometeu traballar coma tal 24h/7días se cede ou privatiza todos os servizos públicos que ten que dar o concello. Posiblemente a resposta, apuntan os socialistas, estea na afección do rexedor por pasear todos os eventos,saraos e cuchipandas.

Dende o PSOE de Piñor non entenden como se pode botar por terra e renunciar á xestión duns servizos sociais tan necesarios no rural e que son exemplo de boas prácticas municipais. Respecto do suposto aforro non hai evidencia algunha de que así vaia ser, máis ben, de todo o contrario. Ós únicos que pode beneficiar tal decisión son ós que seguen defendendo as mancomunidades como axencias de colocación de afíns e parentes, posto que cantos máis concellos aporten recursos, máis doados serán de manter os seus chiringuitos. De todos e todas é sabido como se selecciona o persoal das Mancomunidades e resulta, cando menos, curioso que a filla de Uxío Rodríguez estea a traballar no Irixo, contratada pola Mancomunidade ó tempo que ésta é presidida por Manuel Cerdeira, tenente-alcalde popular da localidade veciña. Hai que lembrar que o Partido Popular goberna en Piñor grazas ós votos do partido do Tenente-Alcalde, impedindo que gobernen os socialistas, pese a seren a lista máis votada.

Conclúe Francisco Fraga, Portavoz socialista en Piñor: “Se o único que saben facer é desfacerse dos servizos que tanto esforzo custou poñer en marcha no noso concello, o mellor favor que lle poden facer ós veciños e veciñas é irse para a súa casa. Nin saben nin queren, só andan ao seu”.

Tags: , , , , , , , , , ,