O PSdeG-PSOE e a corporación de Ramirás impulsan unha manifestación o 14 de marzo para reclamarlle a ABanca que manteña a oficina nas condicións actuais

10/03/2017
By

A voceira socialista, Isabel Gil, participou nunha xuntanza con directivos da entidade, na que seguen mantendo o recorte de días de atención ao público pese á movilización cidadá de rexeitamento

Dende a entidade indicaron que o vindeiro 17 de marzo porán en marcha a redución que afecta a un servizo fundamental para a veciñanza e negocios

 

2017-03-08-PHOTO-00000772 (1)

 

Ourense, 9 de marzo de 2017. O PSdeG-PSOE de Ramirás, coa súa portavoz á fronte, vén de participar nunha reunión cos directores provincial e de zona de Abanca, para tratar a cuestión da redución de apertura da súa oficina no municipio. Dita xuntanza foi unha das accións acordadas pola corporación de Ramirás co obxectivo de manter o servizo nas condicións actuais, despois da mobilización cidadá que provocou a celebración dun pleno extraordinario solicitado polo Grupo Municipal Socialista, facéndose eco da alarma social xerada polo anuncio da entidade. Tanto nese pleno como no celebrado con posterioridade, acordouse que se ían facer todas as accións necesarias para asegurar que a oficina abra todos os días, tal como viña sendo ata agora.

Nembargante, tal como relata a voceira Isabel Gil, nin a recollida de sinaturas nin os contactos realizados logran deter as intencións de Abanca, posto que os seus responsables lle anunciaron onte que ían por en marcha o novo horario, coa apertura de tan só dous días á semana, o vindeiro 17 de marzo. Aos representantes da cidadanía de Ramirás non lle quedou outra que convocar unha manifestación o martes 14 de marzo, ás 11:30, en Villavidal, para reclamar o mantemento do servizo bancario.

Os socialistas de Ramirás entenden que á entidade bancaria “non lle importan as necesidades dos habitantes do concello e só pensan no seu beneficio empresarial, que pasa polo necesario recorte de persoal”. “O mantemento do servizo non é un capricho da xente de Ramirás; é apostar polo futuro do noso concello. As persoas, nun concello rural coma o noso, aproveitan o día que van facer as súas xestións bancarias para facer compras ou utilizar outros servizos”, recorda Gil. “As PEMES só terán opcións de seguir cos seus negocios se teñen un servizo bancario para os seus trámites”, advirte.

“Trátase de apostar polo desenvolvemento económico dun municipio discriminado respecto doutros da contorna, onde, nalgún caso, hai menos habitantes e sen embargo si que lle manteñen a apertura das sucursais”, relata Gil. A edil do PSdeG-psoe anuncioulle aos directivos do banco que están a “menosprezar” aos veciños e veciñas de Ramirás e que, dende o Grupo Municipal Socialista, van loitar para que se respecten os seus dereitos.

Ademais engade que a manifestación só é unha das accións programadas, posto que non van deixar que a entidade “se saia coa súa” e vanse cumprir todos os acordos plenarios, tales coma elevar a cuestión ao resto das administracións , ata que Abanca rectifique. Os socialistas son conscientes dos “métodos de persuasión” da entidade bancaria coas súas grandes contas pero non poden exercer esta discriminación sen que a veciñanza tome cartas no asunto. Dende o Grupo Municipal Socialista de Ramirás agardan unha numerosa asistencia á manifestación convocada e autorizada, onde se repartirán folletos informativos, posto que esta redución de horario está a causar unha grande preocupación entre a poboación do municipio.

 

Tags: , , , , , , , ,