Os socialistas rexeitan o enrocamento de Baltar e anuncian que non permitirán que unha persoa xulgada por presunto acoso sexual presida unha institución pública

10/03/2017
By

                                                                             

O PSdeG-PSOE defende que o mellor para a institución, para os cidadáns e para o propio procesado pola xustiza, é apartarse dos cargos para adicarse plenamente a súa defensa

Manuel Baltar debe ser coherente e cumprir o seu propio código ético para non prexudicar nin sequera minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense

Declaracións de Baltar en Telemiño

Ourense, 10 de marzo de 2017. O PSdeG-PSOE de Ourense rexeita con rotundidade o enrocamento de Manuel Baltar nos seus postos de presidente provincial do PP e da Deputación, no caso de que a maxistrada titular do xulgado de instrución número 3 da cidade de Ourense que o investiga por presunto acoso sexual e suborno, por supostamente ofrecer emprego a cambio de sexo, lle abra xuízo oral. Dende o PSdeG-PSOE respétase a presunción de inocencia de todas as persoas inmersas en procedementos xudiciais, mais anuncian que non se pode permitir que unha persoa xulgada por supostos delitos tan graves permaneza ó fronte dunha institución pública.

Baltar anunciou onte nunha entrevista en Telemiño –adxúntase un corte da súa intervención– que non dimitirá dos seus cargos se é xulgado, xa que achaca a denuncia que o mantén imputado, a unha invención e unha chantaxe de inimigos políticos para apartalo das súas responsabilidades políticas. O voceiro provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, rexeita frontalmente este anuncio xa que “o mellor para a institución provincial, para os cidadáns que representamos os deputados e para o propio procesado pola xustiza, é apartarse dos cargos para adicarse plenamente a súa defensa”. “Os socialistas abandeiramos a loita contra a desigualdade da muller e contra a violencia de xénero e, por iso  non imos permitir que un caso de presunto acoso sexual manche a imaxe da Deputación”, advirte.

“Se Baltar se enroca e non dimite cando lle abran xuízo oral e o PP de Galicia e España permiten esa rocambolesca situación, incumprindo as normas internas do partido e o propio código ético da Deputación de Ourense, Feijóo e Rajoy serán cómplices da sentenza que recaia sobre o caso e corresponsables de danar seriamente a imaxe pública da institución provincial”, asegura Fraga.

E que o código ético impulsado e aprobado por Manuel Baltar na Deputación esixe ós seus cargos eludir accións que perxudiquen a institución: “Ao ser o espello da institución no que se mira a cidadanía, deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera sexa minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense e minar a confianza da cidadanía na institución”. Ademais, este código ético, detalla que “non debe utilizar en ningún caso a súa posición institucional a fin de obter vantaxes para si ou procurar vantaxes ou desvantaxes para calquera outra persoa ou entidade, salvo nos supostos de discriminación positiva recoñecidos legalmente”, unha norma totalmente incompatible cunha acusación por presunto suborno.

 

Tags: , , , , , , , ,