A dirección do PSdeG-PSOE de Ourense impulsa un plan para implicar á Deputación na loita pola igualdade das mulleres da provincia

08/03/2017
By

 

Unha moción nos plenos da Deputación e dos concellos reclamará a implicación estable da institución provincial e da Xunta no financiamento dos Centros de Información á Muller                                                                             

A cúpula do partido e cargos orgánicos e institucionais asistirán ós actos reivindicativos que se celebrán mañá mércores na Praza Maior e na Subdelegación do Goberno

 

dav

 Ourense, 7 de marzo de 2017. A dirección do PSdeG-PSOE de Ourense quere implicar a todas as institucións ourensanas na defensa da igualdade da muller e, por iso, hoxe, na véspera do Día Internacional da Muller, acordouse levar próximo pleno da Deputación unha iniciativa solicitando unha liña provincial de axudas que, de xeito estable e permanente, dote de recursos ós concellos de Ourense de menos de 20.000 habitantes, para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia machista. A iniciativa reclama igualmente que esas axudas sirvan para que os concellos conten cun plan de igualdade de oportunidades co obxectivo de incorporar a perspectiva de xénero na xestión municipal.

Nunha reunión celebrada na sede do partido, a que asistiron numerosos cargos públicos e orgánicos, debatiuse sobre a estratexia a seguir para adaptar as accións deste ámbito ás peculiaridades da provincia. Os socialistas están moi preocupados porque “o PP está instalado nunha falta de asunción de responsabilidades e competencias propias en materia de apoio á muller e contra as violencias machistas, que abraia incluso a moitas persoas dese partido”. “Galicia retrocedeu nos últimos anos co goberno do Partido Popular. Pasamos de ser vangarda en España en materia de igualdade a non ter nin unha consellería propia adicada a este asunto tan fundamental”, recordan.

Esta iniciativa do PSOE provincial tamén pon a lupa na Xunta de Galicia, que é a única administración responsable do mantemento dos Centros de Información á Muller, uns centros fundamentais para atallar o problema pola base. Os socialistas están “moi preocupados” porque os recortes e a desinterese do PP están a provocar situacións rocambolescas e, por iso, tamén se instará á Xunta a que configure unha rede autonómica de Centros de Información á Muller integral, permanente, equilibrada e, sobre todo, con dotación económica estable para o seu bo funcionamento. Actualmente, a financiación destes centros –14 na provincia de Ourense– faise a través de subvencións que varían cada ano o que imposibilita prestar un servizo permanente e de calidade.

Mais aló de titulares, de ristras de fotografías e de propaganda 2.0 coa que nos bombardea Baltar, a realidade da provincia é ben distinta da que o PP pretende vender. “A Deputación debe porse a traballar dunha vez. A Deputación, como goberno provincial que é, debe asumir responsabilidades nesta materia, destinando recursos para asistir ós concellos en materia de igualdade, abafados pola falta de axuda á que están sometidos polos gobernos do Partido Popular”, advirten dende o PSdeG-PSOE.

Os socialistas recordan que “as mulleres conseguimos saír do ámbito privado e formar parte do ámbito público, pero non é menos certo que o home, en moitos casos, non entrou no ámbito privado”. “Se a isto engadímoslle que, en Galicia, a conciliación é unha quimera, acabamos instalados nunha fina liña onde a crise foi durísima coas mulleres”, insisten. Tras esta análise, o partido concluiu que é “fundamental” a implicación da Deputación e dos concellos. Este plan de accións inmediatas tamén inclúe o traslado da moción os concellos da provincia con representación do PSdeG-PSOE.

 

Tags: , , , , , , ,