O PP d´O Bolo fai méritos para gañar o premio ó goberno máis nugallán de Galicia tras enviar recibos de taxas de hai 4 anos ós veciños e veciñas

02/03/2017
By

O inoperante goberno local non ten as bases de datos do padrón municipal actualizadas o que provoca importantes desaxustes no cobro de taxas 

Os socialistas do Bolo inician unha campaña informativa porta por porta para informar ós veciños e veciñas dos seus dereitos e das posibles reclamacións

 

Ourense, 1 de marzo de 2017. O portavoz socialista no Concello de O Bolo, Juan Ferreira, ven de anunciar unha campaña informativa, entre a veciñanza, para suplir a inoperancia do goberno municipal do PP. Dada a alarma social xerada entre  veciños e veciñas, ao recibírense facturas polo saneamento da auga con ata 4 anos de atraso, os socialistas decidiron indagar nas causas para informar á cidadanía dos seus dereitos. O servizo de recadación –delegado na Deputación de Ourense– e de emisión de taxas municipais, faise en base dun padrón elaborado polo concello. No caso de O Bolo todo parece indicar que o censo está desactualizado e mal feito, sen atender aos cambios que se producen nos fogares.

A “desidia” do goberno presidido por Manuel Corzo chega ata o punto de non ter as bases de datos ao día, provocando desaxustes nos cobros de taxas, algo moi prexudicial para as economías familiares bolenses. “Os veciños e veciñas tiñan que estar, a estas alturas, informados dos recibos que teñen que pagar pola depuración das augas residuais e dos seus dereitos á hora de reclamar contra os que fosen emitidos de xeito inxusto”, recordan os socialistas do Bolo. O goberno non só da a calada por resposta, senón que se desentende de toda responsabilidade, delegando na Deputación.

Dáse a circunstancia, tal como sinala o portavoz socialista, que nestes casos de delegación da recadación, a institución provincial só pode actuar en base aos datos que lle proporcione o concello, polo que a responsabilidade última é do que goberna no municipio. No caso de O Bolo “as evidencias falan de desgoberno e pura desidia”, insiste Ferreira. Dende o Grupo Municipal Socialista cren que o alcalde pode estar demasiado ocupado atendendo á imputación por presunta prevaricación administrativa coma para centrarse nas necesidades da vila, polo que lle suxiren que “deixe paso a quen si queira ocuparse dos problemas que afectan á veciñanza”.

Por todo isto, Ferreira vai iniciar unha campaña informativa, porta a porta, para aclarar dúbidas sobre os recibos emitidos con carácter retroactivo e explicar así  os dereitos de posibles reclamacións ás que poden recorrer. “Ante o abandono aos que os somete o alcalde, o Partido Socialista ofrece asistencia e axuda ante posibles casos de cobros inxustos”, conclúe.

 

Tags: , , , , , , , , , ,