O PSdeG-PSOE de Boborás denuncia que o desleixo do goberno local do PP cunha aldea impide o paso de ambulancias ante unha emerxencia

27/02/2017
By

Os socialistas deste municipio da provincia de Ourense xa recolleron e rexistraron no concello as sinaturas dos veciños e veciñas nas que mostran o seu malestar e preocupación

Hai meses que o goberno local prometeu arranxar estes calamitosos camiños pero, polo de agora, esas promesas non pasaron de palabrería barata

foto_boboras

 

Ourense, 26 de febreiro de 2017. Os socialistas de Boborás denuncian que “desleixo” do goberno local do PP cos calamitosos camiños da aldea de arriba de Pazos de Arenteiro, está a por en grave risco a seguridade dos veciños e veciñas, xa que no caso dunha emerxencia sanitaria, unha ambulancia non pode chegar ata as vivendas. Os habitantes desta zona reclaman que remate o “abandono” ao que están sometidos por parte do goberno municipal.

E que, hai meses que o goberno local prometeu arranxar estes camiños pero, polo de agora, esas promesas non pasaron de palabrería barata, a pesar de que durante o inverno, as sendas se volven moi perigosas pola choiva e polas evidentes deficiencias. O socialista, Javier Lamas, recorda que “aínda que o turismo non chega á aldea de arriba de Pazos, esta obra é moi necesaria porque alí vive xente de avanzada idade, co risco que comporta para a súa seguridade andar a diario por camiños en estado ruinoso ou os graves problemas de acceso dos servizos de emerxencia”.

O PSdeG-PSOE de Boborás recorda que “non hai escusas para atrasar máis o arranxo porque a veciñanza cedeu numerosos muros para as obras prometidas por edís e cargos do PP en numerosas ocasións”. Durante os últimos meses, os socialistas deste concello de Ourense recolleron e rexistraron as sinaturas dos veciños e veciñas para que, tanto o alcalde, Cipriano Caamaño, coma o seu equipo de goberno, teñan constancia documentada do malestar e non se dediquen a desmentir o evidente problema de acceso pero, sobre todo, as deficiencias de seguridade que se están a dar na aldea de arriba de Pazos. “O peor de todo e que o PP tampouco ten intención de facer nada, segundo as propias palabras da concelleira, Patricia Torres, que dixo que estaban en perfecto estado”, insiste Lamas.

Os habitantes están indignados co trato que están a recibir do executivo local do PP, que traballou activamente nos camiños e espazos públicos da aldea de abaixo, pero non fixo “absolutamente nada” na aldea de arriba. Unha mera comparativa fotográfica do estado actual das sendas nas dúas aldeas destapa a “evidente e intolerable marxinación” a que están sendo sometidos, cos riscos  que implica esta inacción municipal da que alertan os socialistas.

 

Tags: , , , , , , , , ,